Imaxino que isto da OMS e da carne procesada e vermella, o dos os embutidos e todo iso, ao final quedará en nada, como tantas cousas nos mundos de hoxe. Unha tormentiña de outono que dá que falar tanto como rápido morrerá o conto, e non os comedores. Ese nada significa que o que teña cartos seguirá papando todo o que poida a diario, e ademais do bo, e o que non os teña terá que apañarse como se fixo sempre.
Relacionado co proceso do porco no seu sentido amplo, do que en Galicia sabemos moito, a min -e disto non se fala nos sisudos estudos- o que realmente me mareaba e me producía un inquedante desconcerto vital era o lavado das tripas cando había matanza. Aquilo de acompañar ás mulleres ata o río do Sisto, ver como se limpaban e estiraban con mans de orfebre e deixarse impregnar pola súa esencia era algo que non me deixaba durmir ata que comía as alegrías, que tampouco eran para botar foguetes. A OMS debería investigar por esta vía e deixarse de media verdades ou verdades a medias.
Si, os días do porco. Morcillas e chourizos colgando na lareira días despois. O penetrante ulido do fígado na mesma xornada, que enchía todas as estancias da casa, aquelas paredes delgadas polas que tan ben entraba o calor e a humidade, pero xusto na estación na que facía falta o contrario. É pechar os ollos e non só ver aquelas imaxes, senón deixar entrar no cerebro aqueles arrecendos ou cheiros, ás veces cubertos con nébedas e loureiros que creo que nunca se foron do que somos.