Onte moito se falaba, nas redes sociais e sobre todo a raíz do publicado neste diario, desa denuncia dunha moza en Londres de que lle querían cobrar (ao cambio) 700 euros por durmir nunha cama-colchón no oco dunha escaleira. Con razón, todo o mundo se escandalizou. Vin moitos comentarios de galegos que coñecen ben Londres. Hai moitos da Costa da Morte (de toda Galicia). Algúns do mesmo concello residen a moi poucos metros dende hai case 50 anos, e se cadra falan máis cando se vén de vacacións aquí, que alí.
O caso do colchón pasou en Clapham. Para os que temos algo de memoria londiniense, polas cousas da vida, Clapham está paló do río. Abaixo, pasando o parque de Battersea. A maioría da xente desta zona vivía e vive no norte. En Camden e arredores, moita. Camden, que non era nada rico nos 70, ten agora os prezos polas nubes. Moi cerca, esa xente da que falaba arriba, que chegou por exemplo no ano 1971 sen saber absolutamente nada de nada (case, nin castelán) tivo que apañarse tamén en cuartuchos sen baño (era comunal), compartido con emigrantes de media Europa, e pagando rendas moi altas para a época. Eran tempos moi difíciles, pero saíron adiante. Que triste ironía que, malia que pasan os decenios, segue habendo a mesma picaresca e problemas para atopar un sitio digno para vivir.
Londres, por certo, está precioso en outono. Sempre. Hai tantas árbores e tan grandes que abruman as constantes caídas das follas. Os parques estalan de verde, e o norte da cidade arrecende a liberdade.