Emigrantes

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Milleiros de inmigrantes tratan de entrar cada día en Europa, na nosa Europa moderna e social, fuxindo da fame, da guerra, da desesperación. Esas imaxes de familias sen nada, só con algo de esperanza nos petos, parten as almas máis duras.

Tamén a parten certas indiferenzas ante este fenómeno. Peor aínda se o fan os que tanto lle deben á emigración. Nesta comarca sabemos algo diso. Case en todas as casas. Durante moitos anos, caras moi semellantes ás que vemos nas noticias, de veciños ou de lugares da volta, chegaban ata a estación de Cornavin, en Xenebra, confiando en que todo saíse ben e poder entrar no país. Moitos tiñan que regresar. E se lles deixaban ir, só o primeiro paso estaba dado. Todo era inmensamente difícil: sen saber o idioma (sen falar castelán a miúdo!), sen coñecer a xente; os costumes, a maneira de desenvolverse no máis mínimo fóra da parroquia. E todo para fuxir -non da guerra, que xa quedaba lonxe- do mesmo: a pobreza, a falta de oportunidades e de futuro, cunha valentía vital da que hoxe carecemos a maioría, aínda que en momentos difíciles un nunca sabe como vai reaccionar, sobre todo se hai fillos. Ás veces miro unha maleta dun material feble, parecido ao cartón, que aínda gardamos no faiado (raro: xa se sabe que temos o mal hábito de tirar todo, desfacerse dos vellos tempos), e vexo nela brazos e mans agarrándoa con forza, con medo, con incerteza ante o que haberá ao outro lado. Non ao outro lado da fronteira, senón no outro lado da vida.