Discotecas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

O luns liamos neste xornal unha ampla reportaxe sobre as vellas discotecas e salas de festa. O que queda delas. As novas xeracións nunca entenderán (nin coñecerán) o poder de atracción (e único punto de encontro) para milleiros de mozos dunha época moi longa, que parecía que nunca se ía acabar. O mesmo que os que pasamos por esa etapa tampouco soubemos ben o que representaran os míticos salóns en moitas parroquias ou lugares céntricos para os que, como mínimo, foron os nosos pais.

E si, si que se acabaron. Houbo moitos intentos de reflotar. Por citar só un: a Revolta de toda a vida que logo foi a Factoría e finalmente Diva Dance ou algo así. Leva xa anos tapiada, vendo correr o tempo e os coches na beira da carretera, mirando cara Calvo ao outro lado da estrada, pensando que calquera tempo pasado foi mellor.

Influíron moitos factores. A xente medra, os hábitos cambian, os gustos mudan, as modas son outras. A música, a negativa a pagar por entrar, outro xeito de comunicarse. Ás veces foron os propios locais os que acabaron coa riqueza que tiñan a base de ben. Lembro perfectamente unha célebre discoteca, poñamos que pola zona de Soneira, na que case debías dar as grazas por entrar, e iso que pagabas. Con algún camareiro displicente que tiña a ben atenderte. Con porteiros que deixaban pasar a uns e a outros nin caso. E así moitas cousas máis. Todo daba igual: sempre se enchía e os cartos nunca faltaban, ata que faltaron.

Claro que tamén había outras máis correctas. Na Pazos, por exemplo, impresionaban ata os baños, xa non digo o resto. Pero o que queda na lembranza sempre é o bo, nunca o malo. Momentos, idades, xente... Ou, por particulizar, viaxes en moto para chegar a elas. Os homes só choraban neses anos, por ir nela a todo gas sen casco nin visera nin nada protexendo os ollos. Caían as bagullas como seixos. Metrakit, piñón recurtado, carburador trucado. Ás veces dous mozos nela, e sen luces. Rodas escasas. Nunca pasou nada. Lembro que por esa época estudara en Filosofía de COU o da existencia de Deus. Resultárme fácil entendelo.