Os irmandiños, o castro animado, as feiras e mercados e outras citas de Corcubión, Camariñas e Muxía. O asalto de Harry Paye a Fisterra, as evocacións napoleónicas que houbo no seu momento, as que segue habendo do Serpent... Non inclúo aquí esas pintorescas feiras medievais que son máis unha boa atracción para pasar o tempo e mercar que a evocación dun fito histórico. Nada que ver, por exemplo, coa cea do infante Alfonso que preparan en Muxía, cun rigor abraiante (ano 1110, nin máis nin menos). Se sae ben, e non ten por que saír mal, cos anos pode ser un acontecemento moi relevante, como relevante foi o feito que lle dá pé. Todo isto fai que a Costa da Morte teña xa rodando unha oferta histórica impensable hai 20 anos. Igual que se ven os fallos na zona, tamén hai que aplaudir os acertos.
E tamén se poden ir dando pasos noutros lugares. Motivos hai de sobra (o que non hai ás veces son restos). O ano que vén cumpriranse 300 do descubrimento en Carballo do que quedaba dun manancial termal, en concreto unha arqueta distribuidora. Foi no 1716. Ao longo do século XVIII irían aparecendo máis elementos que permitiron inducir a existencia dun balneario de orixe romana. Hai moito investigado (con bastante documentación) e moito por investigar aínda, ligado por certo á vía Per loca marítima. Un triste fito perdido no Rego da Balsa lembra o que puido ser aquilo e moi probablemente foi. Mágoa que nin sequera en Carballo se coñeza ben todo aquel efémero esplendor.