Retratos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Non lembro se algunha vez citei a Fromelles, unha pequena vila do norte de Francia na que dun cemiterio fixeron un museo discreto e nada pretencioso no que a luz que máis brilla é a do respecto e a impresión. Alí, nunha leira de cultivo, atoparon un día uns restos óseos. Sabían que podían pertencer a soldados da Gran Guerra, porque os campos da rexión do Nord-Pas de Calais foron un inmenso campo de batalla hai cen anos, e están cheos de necrópolis, cruces, lápidas relucentes, memoriais, construcións vistosas, frases eternas e recordos que ano tras ano reviven xentes da zona e chegadas de todo o mundo.

Non quedou así a cousa: co ADN dos restos, con elementos que apareceron e con documentación da época, lograron reconstruír as caras e as vidas de moitos dos que estaban alí enterrados e esquecidos para a eternidade, como lles pasa a tantos que morreron nas guerras e nas que non son guerras. Así que agora entras naquela sala e vas vendo as historias dos homes que deron a súa vida loitando pola dos demais, á forza ou obrigados, con imaxes cedidas polas familias, polos exércitos, con datos obtidos nos arquivos. Miran cara ti fixamente, aínda que estean sepultados a uns metros, fóra, nun coidado xardín. É como pechar un círculo.

Lembreime dos anónimos de Fromelles, onde medran as amapolas no tempo do trigo sobre os restos doutros anónimos, cando paseaba hai uns días sobre as lápidas desgastadas e esquecidas no chan xunto a unha igrexa de Soneira, e que xa vira noutras. Certo que non teñen a importancia histórica dos combatentes nin a súa vida é digna dun museo, pero seguramente no seu ADN está o xerme de case todos os habitantes actuais desa parroquia. Pode que mesmo algunha das súas fotos se conserve en caixóns de chineiros ou alacenas en casas próximas, pode que perdidos xa para sempre, xa sen ese sepia co que se pintan as nosas raíces. É outra maneira de deixar atrás unha época, con protagonistas que se cadra son do tempo dos homes de Fromelles, e mesmo ás veces lle nacen amapolas na beira.