Toponimia

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Nesta comarca temos dúas maneiras de visitar Portugal. Unha, achegándonos ata a parroquia de Oca, en Coristanco, e paseando preto dun rego, na beira dunhas casas. Nunha delas, aínda deben de quedar (non hai tanto que as había) as letras que identifican tal enclave como Portugal. Unha zona de vadeo, de paso: un porto, con aclaracións que me aportara no seu momento Cabeza Quiles (hai moitos portos por Bergantiños, por certo: Portopaio, Portochan...).

Despois está a outra, a máis clásica, onde realmente falan portugués. A que tanta xente fixo e fai cando ten algo de tempo e non lle importa percorrer uns 250 quilómetros (ou moitos máis) para descubrir lugares tan semellantes ao nosos, e en tantas cousas. Unha delas, e que se cadra sorprende un pouco para os que lle dedicamos máis a buscar Car- e Cor- pola Bretaña e Normandía adiante que outros nomes máis próximos, é a toponimia. Sen facer ningunha busca exhaustiva, só con conducir a modo, ollar os indicadores e de vez en cando o mapa ou o navegador, polo norte, máis por riba de Braga e Guimaraes, e por abaixo de Chaves, as coincidencias aparecen unha tras outra. Sobreira, Carreira, Gándara, Fornelos, Olveira, Louro, A Torre, Salto, A Silva, Vilela... E que dicir das fonéticas semellantes, pero con outra grafía, dende o Joane ata a Valinha. Por haber, ata hai o Vilar do Paraíso, como en Dumbría (temos outro paraíso máis en Berdillo-Carballo). Ou o Viseu como o muxián. E moitos máis se se procuran pobos con idéntica raíz, pero que co tempo evolucionaron dunha maneira distinta.

Non será este un tema que atraia visitantes, dende logo, pero fai máis amena a estadía para os que removen os pasado común da lingua dos sitios. Por non falar de opcións culinarias, cultivos, costumes agrarios e sociais, lendas e cultos. Ou curiosidades como o aproveitamento dos penedos e o xeito de conservar o patrimonio. Claro que hai moitos detalles rechamantes: eles pensarán ao revés cando veñen a vernos e nos pobos bonitos ven a roupa colgada na fachada.