Sinais

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

23 mar 2015 . Actualizado a las 21:53 h.

Aquí as cousas van a modo. Todas. Ata o sol baixa máis lento por Fisterra ou Touriñán. Xa estamos afeitos, pero iso non vale. Nas vías de comunicación, por exemplo. Lembro como se fosen onte as obras (falo do firme actual) das estradas a Camariñas, Muxía e de Corcubión a Fisterra. A memoria vaise axiña, pero ningunha chega a 20 anos. E tampouco hai moito máis da AC-552 tal e como a coñecemos. Cando vou cara Fisterra ou baixo polo Carrizal mira os tramos mortos e incluso lembro o trazado que se facía co coche por elas. Xa me ocorrera algo parecido coa A6, pero aí ao final xa é un lío, porque xúntanse tres fases. Se cadra pasaranos o mesmo cando a autovía leve tempo funcionando.

As melloras chegaron tarde, pero chegaron. Despois o que non daba vido eran os sinais. Moito houbo que reclamar dende concellos e entidades varias para que dende Santiago ou A Coruña se indicase esta zona. Tamén foron vindo: á saída do aeroporto da Coruña, na da autoestrada xa en Carballo marcando a resto de concellos de Bergantiños... De Santiago cara Carballo houbo moito tempo un sinal un pouco subido no que había que fixarse moito. Non era doado. Santa Comba víase máis, pero tampouco en exceso. Subir por Vista Alegre cara o norte tiña algo de aventura para os turistas, buscando as sombras do Tambre, primeiro, e do Dubra, despois.

Mellorouse, pero aínda así hai fallos incomprensibles: ¿Como é posible que non haxa un só cartel indo cara A Coruña que informe do desvío cara o aeroporto? Moitos veciños e todos os visitantes moito o agradecerían.

Por iso resulta sorprendente (e satisfactorio), ver que na xa famosa e chamativa terceira ronda que acaba de abrir na Coruña, e que incluso concita viaxes turísticos (non é o viaduto de Millau, pero ten o seu atractivo), tras a entrada por Lonzas non se atopa ningún indicador da nova saída a Madrid, pero si un, á altura de General Sanjurjo, que marca o camiño cara «Carballo-Fisterra».

Aínda nos ha de chegar algún ata aquí que quería coller cara a capital!