Foi hai case 20 anos. Recibín o meu primeiro teléfono móbil, xa dixital (por tanto, non analóxico), e o que fixen con el de contado foi baixar polo camiño ata o prado, pasando ao carón da figueira, a uveira, o loureiro e as silvas con moras novas, sentarme no arró na beira da cancela, mirar cara os tres carballos que había na beira do río, e chamar. Inciso: a cancela non era unha cancela calquera. Non. Levaba naquela leira polo menos 30 ou 40 anos, coa feitura clásica, a táboa cruzada, as outras paralelas, ben encanadas, coas medidas xustas para coller as sebes dos dous lados. Era a cancela que tantas veces moveran os mozos nos días de festa e de entroido. Mantiñan unha tradición que imaxino secular: desprazala uns metros para amolarnos á mañá do día seguinte cando, co avó, tiñamos que ir buscala e volvela ao seu sitio. Xa nin nos estarrecía o conto: era como manternos vivos, saber que eses costumes inocentes pervivían por xeracións, unha especie de rebeldía veciñal que non facía dano.
Pois aquel día de hai case vinte anos quixen que a ruptura xeracional, parecida a cando nos puxeran a luz ou o teléfono de cable, fose ao lado dunha cancela que, queiras que non, formaba parte do ADN familiar. Ata das vacas: por alí entraban e saían cun sinal da man á hora exacta. E por alí pasara o carro mil e unha veces cargado de herba verde e seca, centeo de verán e de inverno, aveas, trigo, orxo, millo, nabos, remolachas, terróns, pedras da leira antes de gradar, o esterco, a palla... ¡Como non escoller aquel sitio! Aquela portela de entrada e saída de tantos datos acumulados, gigas e teras de historia pequena, para facer a primeira chamada co teléfono móbil, arrecendendo ao lado os fiunchos a piques de ser segados.
Hoxe xa non queda a cancela, nin a figueira, nin os loureiros, nin as silvas. Houbo que arrebolar con todo para darlle paso á pista pola que de vez en cando pasa un tractor de fóra que vén traballar o que outros deixamos. Xa non ule a nada. Pero aínda así, no móbil moderno teño as fotos do que aquilo era, póñoas no meso sitio, métolle un programa de realidade aumentada e o que de verdade aumenta é a memoria (non a do aparato) de algo que nunca debeu morrer.