Preguntábame hai poucos días un rapaz de Camariñas, nun bar de Fuerteventura atendido por unha de Camariñas: «¿Marchar? Si, vale. Pero, ¿a onde?».
Era unha pregunta retórica a outra pregunta miña: se se foron en seis anos da illa case o 70% dos galegos, por que ti non o fixeches tamén.
Son os que resisten, os que botan raíces na terra tan árida. Non pode ningunha connosco: algúns paisanos trabállana tan ben que lle sacan dúas colleitas de patacas ao ano. Os grelos que plantan botan a flor amarela como aquí, pero noutro mes, e con menos frescura. Algún parado de porto de mar ten unha lancha e vai pescar pulpos. E nos bares preparan o churrasco como se estivesen en Balarés.
É a nova terra máis solleira a que lles vai tirando. Volver a onde, se aí non hai nada tampouco. Polo menos aquí imos tirando. Algúns xa viñeron, botaron un ano e regresaron. Outros foron pechando círculos vitais, como esa parella, ela de San Cremenzo e el de Carballo, que naceron en Suíza fillos de emigrantes, volveron a Galicia, marcharon para Fuerteventura e agora están os dous de novo en Suíza. En Berna, onde axiña poderán probar tamén os produtos da terra no novo bar dun de Zas. O único ceo que se toca cando estás lonxe é o da boca, o gusto do paladar, que volve as penas máis brandas e leva en viaxes interiores ao lugar de cada un.
Máis de 400 mozos marcharon o ano pasado da nosa bisbarra cara o estranxeiro. Moitos, facendo as 17 horas de coche que hai ata Xenebra, as 20 ata Zúrich. Tocando moitas portas en Inglaterra, en Escocia. Facendo voar currículos, chamadas. Tamén hai quen mira de novo cara Fuerteventura, malia o que é e o que foi. A ese rapaz de Camariñas deulle a risa cando lle preguntei se se podían comparar os soldos de antes cos de agora. Pero con todo aguanta, e sabe de amigos que prefiren iso a nada. E todos din que parece que a marea vai subindo outra vez. Que volven os bos tempos.
Se cadra tamén aquí. Ás veces de tanto empurrar, os desexos acaban vindo, e así os novos irán quedando.