Hai xente que ao ler novas sobre estudios de tráfico, apura a falar de «negocio». O Concello de Carballo ten previsto recadar por multas no 2015 un total de 140.000 euros, moi lonxe dos 3 millóns de euros que resaltaba o titular da La Voz sobre os datos dos radares.
Se estudamos as cifras de infraccións que recollen os estudos nesas catro rúas, a recadación sería bastante maior aínda desa cantidade, mais o Concello de Carballo elabóraos para tomar medidas de mellora da mobilidade, non para impor multas.
Traballos en marcha
Levamos anos incidindo sobre a necesidade de solucionar o problema máis grave que temos na vila, o tráfico. Traballamos cos colexios e familias nos camiños escolares, sensibilizando na urxente necesidade de reducir coches nos ámbitos escolares; convidamos a expert@s a informar e debater sobre a mobilidade e o tráfico nos foros de mobilidade e autonomía infantil; facemos enquisas entre as nenas e os nenos para coñecer a súa percepción da realidade do tráfico (moi didáctico o que nos contan, perciben unha vila invadida polos coches que non respectan nada)... Nunha palabra, educamos. Tentamos conseguir no futuro unha sociedade máis responsábel e cívica. É o primeiro obxectivo, educar.
Problemas
Mais non abonda con educar. Só as persoas máis conscientes do problema son as que participan dos programas, cando o desexábel sería que o fixeran as que o causan. Contra isto só caben outro tipo de medidas. Ás que concedemos unha maior importancia son ás «preventivas» ou «paliativas». Os famosos badéns, coxíns berlineses, aforadores, as rúas de dirección única, a instalación de semáforos, a vixianza por parte da policía... e unha política de mobilidade e deseño urbano que conceda prioridade ás persoas sobre os coches, son algunhas das medidas que dun xeito cotiá vimos adoptando, non con poucas críticas (e incluso destrozo de accesorios) de quen ten o coche como tótem.
Por último, cando a educación e as medidas de calmado non son suficientes, só queda a sanción de quen entende que as normas están para o resto, e que a sinalización horizontal e vertical son simple mobiliario urbano decorativo. Por certo, somos un dos concellos de máis de 20.000 habitantes, poida que o que menos, que menos sancións impón.
Preocupación
Os datos dos estudios son moi preocupantes, e aínda así non reflicten gran cantidade de incidencias graves en tráfico e mobilidade que padece a nosa vila. Algunhas delas moi perigosas.
Quen saiba separar o po da palla, entenderá que soportar 20.000 infraccións de exceso de velocidade semanais, só en catro rúas, por riba dos 60 (os estudios fixéronse sobre ese límite, serían moitas máis cos de 30-40-50) é un factor risco altísimo. Sen falar das infraccións a velocidades entre 70 e 100 (moitas) ou a máis de 101 en casco urbano. Lembremos que un atropelo a máis de 50 km/h é case sempre mortal, e que polo tanto estamos a falar de condutas homicidas ao volante.
En xestión política o fácil é evitar certos temas polémicos, e este é sen dúbida un dos máis, mais o responsábel é abordalos sen pensar no custe electoral. Calquera que sufrira a morte, a paraplexía, a tetraplexía, ou incluso doenzas menos graves, dun familiar ou nas súas propias carnes, froito dun atropelo ou dun accidente de tráfico, estará de acordo en que con este problema cómpre a tolerancia cero. Calquera que teña nenas ou nenos, ou problemas de mobilidade, estará de acordo que lle hai que pór freo a esta invasión desenfreada de coches.
Destrozos
Que os coches rompan o mobiliario ou que certos personaxes se dediquen a arrincar boiardos, a algunhas persoas pode resultarlles gracioso, hai xente que ten un humor raro; que en Carballo repunten os accidentes e os atropelos seguro que non é tan gracioso. Podemos culpar ao Concello, aos despistes, aos demais ou á mala sorte, mais os datos están aí e din que corremos demasiado. E que saltamos semáforos en vermello 46 veces ao día. Quen queira quedarse cun titular, que se quede; quen reflexione, verá a necesidade de respostar administrativamente como sociedade moderna e intelixente. O conto do dedo que sinala á lúa.
X. Regueira é edil de Tráfico.