Nunha parcela-solar de Carballo, non no centro -obviamente- pero tampouco moi lonxe, catro ovellas coidan de manter a capa de herba ben finiña. Dúas delas xa son como da casa, do barrio, porque levan alí cinco anos polo menos. As outras foron variando, por cuestións da vida e porque aos donos ou aos amigos ou familiares tamén lles gusta a carne, incluída a de año.
As ovellas, rodeadas de edificios, conviven co entorno cunha extraordinaria naturalidade. Hai quen lle leva pan vello, e aí van todas detrás. Aos donantes xa os perciben de lonxe. Cando hai partos, e acaba de haber tres, ás veces as pequenas berran de noite, e lonxe de molestar, ese ruído é como unha badalada cara o pasado de moitos dos que viven agora nese entorno urbano e ata refresca a memorias. Como cando canta o galo uns metros máis arriba, se cadra a deshora. Ou cando polas mañás chega o coche do panadeiro, pitando como pita nos lugares, e colle despistado a algún que pasa ao lado que non está ao tanto dos costumes. En vez de vir correndo da leira a mercar, sinxelamente hai que baixar no ascensor.
Son eses pequenos toques invisibles que fan das vilas urbanas lugares moito máis habitables. Sostibles, sexa o que sexa a sostibilidade. Ás ovellas, por certo, ás que se paran a ver maiores e nenos, salvounas no seu día a burbulla inmobiliaria, e aí seguen roendo a herba ata que veña outra. Esperando que tarde a próxima, agora, nas noites de lúa chea, hai quen sae a terraza a contalas para durmir mellor.