Queridos Reis Magos, habitualmente non lles pedimos nada, pois sabemos o atarefados que están coas encargas dos nenos e nenas, pero este ano decidímonos a escribir. O que lles pedimos non é para a Asociación, é para o ben no noso cole e do Ensino Público. Verán, este ano a Consellería de Educación recurtou ao calado o profesorado que atende ao alumnado con necesidades específicas. Supoñemos que xa están ao corrente de que na nosa escola hai só unha mestra especialista en Audición e Linguaxe e outra especialista en Pedagoxía Terapéutica. Teñen que atender a máis de 620 nenas e nenos. Tentamos de moitas maneiras que a Xunta solucionase a inxustiza que se está cometendo pero insisten en que as necesidades están cubertas e que nos queixamos de vicio. Créannos cando lles aseguramos que están sen atender unha morea de casos que precisan desta atención individualizada, só a reciben os casos máis graves. En privado a comunidade educativa bota as mans á cabeza cando se lle fala do asunto do CEIP Bergantiños, logo á hora de dar a cara só as familias e unha parte do profesorado alza a voz contra este despropósito. Ben é certo que alcalde e voceiros de todos os grupos da corporación apoian as nosas reivindicacións e estiveron con nós nunha concentración. Ui! Todos non, faltou o do partido que manda na Xunta.
O 13 de xaneiro temos unha entrevista co Xefe Territorial para ver se se pode atopar unha solución e de paso comentarlle que non estaría de máis que e unificasen os horarios dos centros de ensino do noso concello porque agora é moi complicado conciliar horario escolar, extraescolar e familiar. Da falta de profesorado tememos que nos diga que segundo o catálogo estase a cumprir o que precisa o centro. O que pasa é que desde fai un montón de anos non están recollidas todas as clases que están a funcionar, que curioso. Nós queriamos que a reunión se celebrase no colexio e que vendo as 27 aulas que temos na actualidade, nos negase a súa existencia ao non aparecer nun documento, pero se hai que ir a A Coruña, imos sen problema.
Ben Maxestades, o que queremos este ano é que fagan o posible para que as nenas e nenos que máis o precisan poidan ser atendidos como merecen e que fagan vostedes o posible para facerlle ver á Consellería que recortar en necesidades específicas non é o camiño que debe seguir o ensino publico.
Carta da ANPA A Granxa do CEIP Bergantiños carballés