Nenos e avións


Houbo algún ano, ata hai un decenio máis ou menos, que o hospital de Cee aparecía o 1 de xaneiro nas novas destacadas porque alí nacera o primeiro ou o segundo neno do ano. E, se non lembro mal, ata en dúas ocasións neses primeiros postos estaban fillos de parellas que viñan adrede dende Canarias, porque querían que nacera na terra. Nomes máis típicos de Fuerteventura ou Lanzarote, como detalle ás illas que daba traballo cando aquí non había moito (alí, bos soldos e oportunidades) mesturábanse cos que nos son acaídos. Viámolo como algo normal, case como as chegadas dos suízos destes días.

Si, ata hai uns dez anos, se cadra nove, pero non máis. Foi na metade da década pasada cando o ouro canario comezou a ir a menos, e agora só quedan os ecos. Os de familias que si aguantaron, que se enraizaron, que realmente queren e lles gusta aquilo. Mil razóns para outros tantos casos.

Ás veces, na hemeroteca, sen querer, atopo datos e fotos daquel éxodo migratorio que case parece da prehistoria comarcal, pero non, foi onte coma quen di. Centos de familias tiñan un contacto tan intenso coas illas como o que hai con Xenebra, por exemplo. Algunha quenda daquelas que me tocaran no aeroporto dende Fuerteventura tiña o mesmo aire (e menos frío) que as que traen e levan aos nosos paisanos no EasyJet, que case parece un bus urbano. Algúns días, polo menos.

Tería que dicir que agora os que nacen no hospital de Cee si son de por aquí, pero o conto é que nin nacementos hai. Non coma antes. Entre a baixa natalidade e a alta emigración, vaia panorama.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Nenos e avións