Esta fin de semana nevou moi cerca. Era abrir o móbil -a nova ventá ao mundo pola que o malo que ten é que non entra o aire- e atopar prados e tellados cubertos de brancura. Nenos xogando con bonecos, montañas ao lonxe como as de Heidi. Rúas cubertas dese manto espeso en Xenebra, en Liechtenstein, preto de Lausana... Porque, si, falo da neve suíza. Aquí non hai. A última vez que nos caeu algunha, non moita, a suficiente para cubrir os servizos mínimos das fotos e da memoria, foi en marzo do 2013, xa case hai dous anos. Nós temos estes días frío, e ceos claros pola mañá, e xeadas das que cortan o alento cando non vas preparado, aínda que nada que ver con aquelas de rapaz, de ir á escola sobre n pozas como cristais: cortalas, levalas á boca sen cortarse nin ninguén que te vixiara, nin escorrer nelas. Tamén é que agora non hai pozas para que se volvan xeo, e case nin nenos hai que vaian saltando por riba delas polo empeño que temos en levalos en coche a todo. E, se fai falta, no brazo, non vaia ser que se nos molle. ¡Ai, aqueles camiños longos e escuros, aquela autonomía, aquel descubrimento de que o mundo non come, que ten que ser ao revés!
Era daquela cando os emigrantes que viñan polo Nadal (desta vez tamén o fixeron moitos de Suíza, non hai máis que ver as matrículas) contábannos que eles esquiaban, e tiñan patíns, e andaban en trineos. E ata falaban francés e alemán. Eu escoitaba coa boca aberta, caéndome a baba, a punto de solidificarse tamén tipo estalagmita se o aire era moi frío. A neve era algo lonxano, pero estaba aí, nas cartas, nas fotos, nos relatos dos familiares e dos veciños, ás veces na tele, pero sempre lonxe.
E agora enterámonos ata de cando lles cae o primeiro copo ata en tempo real, etiquetados, comentando a intensidade, abrindo ventás dixitais nun e noutro cantón, comparando, seguindo as noticias, reenviando selfis co gorro, rindo, saudando. Pasamos co dedo imaxes que nos fan o mundo pequeno. Antes era grande. Os selfis faciámolos nós co dedo na ventá da cociña, escribindo sobre o cristal cheo de alento. E non saían tan mal.