Aperda do sello de Patrimonio Europeo para Fisterra, xusto agora que adquire a forza institucional e oficial definitiva que sempre lle faltou (malia a ser moi relevante) é incomprensible. Fíxose o traballo técnico: Xunta; Deputación, sobre todo; Concello, colaboración directa do ministerio. Reunións, informes, dosieres, todo ok. E, o máis importante: o propio Cabo. A súa historia, significado, paisaxe, importancia. Os mesmos argumentos que valeron no 2007 (xa daquela houbera algunha loita interna ben curiosa, por certo), seguen valendo agora, máis se cabe. Seguramente hai cousas que se fixeron mal, ou que son mellorables, pero é que os dous galardoados (Arquivo da Coroa de Aragón e Residencia de Estudantes), que estaban nunha situación incluso inferior a Fisterra, non fixeron case nada. Nin ás reunións ían.
Dá a sensación, dende alguén que seguiu este proceso con moito detalle xa dende antes do primeiro día (a entrega do galardón en Yuste foi a parte solemne, pero viña de atrás) de que a decisión técnica tivo algunha palanca. Lendo o informe, é todo moi feble. Tanto pode abanear o aire cara un lado como para o outro. E, curiosamente, foise cara Madrid e Barcelona, que seica pasaban por alí daquela maneira.
Odio os vitimismos, especialmente os inxustificados aos que somos tan acaídos, pero xa empeza o conto a cheirar. Aínda crendo que o alcalde seguramente tería que ter tirado dalgunha alta man política para asegurar o pase que se daba por feito (posible inocencia), o corpo queda como aquilo de que temos que dicir que chove.