Así, en maiúscula. Para nós é un municipio, ese que algúns se empeñan en escribilo con til (Zás, como os que poñen Cée) ou engadirlle o de Carreira. Para os de Negreira, unha das súas parroquias, San Mamede de Zas, e para os de Melide, outra: Zas de Rei. Tamén é unha onomatopea, esa que día tras día aparece nalgún sitio en toda a boca.

Pero o ZAS en maiúsculas é outra cousa, que en determinadas áreas de cidades como A Coruña ou Vigo coñecen ben: as Zonas Acústicamente Saturadas. Cheas de ruídos, que obrigan a tomar medidas para que non vaian a máis.

Eu, zasense de varias xeracións, boto de menos un ZAS en toda a memoria para que os sons de media vida non marchen. Aqueles que vestían cada xornada sen darlle a máis mínima importancia. Incluso molestando. E non vai poder ser. Igual que hai xente, paisaxes, costumes, ritos que nos acompañaron moitos anos e quedaron atrás, o mesmo ocorre con esta música ambiental. O catálogo é extenso, inabarcable, e inclúe dende menudencias a palabras que sanaban como as que dicía a bisavoa ata para calmar a dor dos dentes cando che rebentaban e non había pastillas.

Tamén o rinchar do carro, o vento que movía as vellas tellas, os ratos correndo polo faiado, o pichar da auga do depósito cando enchía do pozo. O lambido das vacas no fondo do balde buscando a fariña, o da nai no cucho recén nacido. As golondrinas xogando volta a volta e a ras ao pouco de saír do niño, por xullo; o río alto polas cheas, facendo remuíños sobre os regos, entre un marmullo de auga que se ía sobre a herba. O berrar do porco na matanza, e dos porquiño co capador. Dos gatos na xaneira, os galos enfadados, o afiador que chegaba de entre o monte e marchaba por el. Os cans ouveando; dous vellos falando doutros dous na volta da meda. Correr polo medio do trigo, as pegas en outubro, o corvos que ven os regos abertos, o cuco a vinte metros, as rás cantando no rego, a donosiña en silencio na beira da corredoira.

O PVC sacou fóra das casas algúns deses sons. E a outros matounos o tempo.