A entrega de premios do concurso organizado por La Voz será o día 20
07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Rematado xa o prazo de presentación dos orixinais, os integrantes do xurado do certame de Contos de Nadal afánanse estes días na lectura dos textos escritos por escolares de toda a Costa da Morte.
Os alumnos demostraron un ano máis o interese que esperta este concurso organizado por La Voz de Galicia e Radio Voz Bergantiños -e que suma xa once edicións- entregando preto de douscentos textos (186 en total). A empresa de enerxías renovables EDP colabora co certame como patrocinador a través da súa Fundación EDP.
Nesta ocasión, participaron rapaces dunha decena de colexios dos puntos máis diversos da comarca: Vilarmide e Os Muíños (Muxía); CPI de Zas; Eugenio López e Manuela Rial Mouzo (Cee); Bormoio-Agualada e Canosa-Rus (Coristanco), e A Cristina, Gándara-Sofán e Artai (Carballo). Todos os textos teñen en común a súa temática relacionada co Nadal e unha extensión inferior a 1.500 carácteres, pero só dez deles terán recoñecemento en forma de diplomas. Ademais, os tres mellores recibirán senllos premios .
Os nomes dos gañadores serán feitos públicos en próximas datas e a gala de entrega dos galardóns, á que están convidados a participar os escolares, os seus profesores e os seus pais, celebrarase o día 20 deste mes.