A poesía tende pontes entre Bergantiños e A Terra Chá

Á. P.

CARBALLO

Os representantes lucenses, en primeira fila, durante a intervención previa de Xurxo Souto.
Os representantes lucenses, en primeira fila, durante a intervención previa de Xurxo Souto. j. M. CASAL< / span>

Unha delegación do IES de Guitiriz explicou no Simposio Pondaliano os actos organizados para honrar a Díaz Castro

06 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que separados xeográfica e temporalmente, os poetas Eduardo Pondal e Xosé María Díaz Castro, serviron onte de nexo de unión entre dúas comarcas de identidades ben definidas, como Bergantiños e A Terra Chá, e ligadas tamén para a ocasión por un dos participantes na segunda xornada do Simposio Pondaliano que se celebra na pequena aldea do Couto.

Ata alí se desprazou unha delegación do IES Xosé María Díaz Castro de Guitiriz para falar das iniciativas postas en marcha con motivo da concesión ao poeta que dá nome a ese centro do Día das Letras Galegas. E entre os visitantes, ademais da directora do instituto, Olga Aguiar; dun dos seus alumnos, Óscar López Felpeto, e dunha nai e dun veciño da localidade, estivo Alfonso Blanco Torrado, profesor do centro, sacerdote, activista cultural e, ademais, con raíces familiares en Corme e Tella. «Díaz Castro, como Pondal, son grandes porque transmitiron a terra onde se criaron, a súa natureza, a súa paisaxe e a súa lingua», relatou Blanco trazando paralelismo entre os dous creadores.

A visita da comitiva lucense, que estivo precedida pola intervención -acompañado polo seu acordeón- do músico e escritor Xurxo Souto, permitiu aos presentes coñecer de primeira man como a comunidade educativa de Guitiriz foi capaz de superar o ámbito escolar para facer partícipe do recoñecemento a Díaz Castro a todo o municipio. «Os alumnos levárono ás súas casas e mesmo en todas as parroquias, os días de festa, na sesión vermú os rapaces recitaron poemas», contou Blanco ao remate dunha proxección que mostrou outro dos resultados das actividades organizadas para lembrar ao poeta: a elaboración de cancións dos estilos máis diversos, desde folk a rock pasando polo rap, que tomaban as súas letras dos versos do autor.

Blanco ofreceu tamén a clave do éxito destas iniciativas, «a autenticidade e sinceridade» do autor, capaz de «chegar á xente máis sinxela», e mostrou o desexo de que este movemento de recuperación do autor, e de todo o propio en xeral, non esmoreza unha vez que rematen as conmemoracións: «Non podemos coñecer unha tribo do Amazonas se antes non coñecemos a tribo da Terra Chá ou de Bergantiños».