Será polos anos, argumento que vale para todo o que nos interesa, pero non acabo de asimilar aínda estes novos costumes do primeiro novembro. Nin o Samaín (postos a elixir, mellor este) non o Halloween. Vale, tampouco hai que escandalizarse cas novas prácticas: a unha inmensa maioría dos que somos dos 70 ou anteriores nunca nos celebraron o aniversario, nin sabíamos máis de Papá Noel ou Santa Claus que o que poñían os libros ou viamos nas películas, e agora xa o aceptamos para os demais como o máis natural. Daquela só había a festa da parroquia, unha copiña polo santo, correr o entroido e pouco máis. Como todo na vida, é cuestión de perspectiva: dentro duns anos este tipo de prácticas outonais estarán plenamente asentadas e o debate estará noutras novas que non tardarán en chegar. E así con todo.
Pero, aínda así, custa entender esa admiración polas cabazas, por moito rito ancestral recuperado de que se trate. Sempre foron produtos desdeñados, deses que case medran sós en herbais abandonados, e que recolles por aburrimento e logo vanse esfolando na barra pouco a pouco, sen moita utilidade. Así que é complexo verlle a relación coa morte, tal vez a súa. Porque, outra cousa non, pero relación coa morte si que tivemos sempre. Intensa e directa: a dos seres queridos, a dos veciños. A dos animais. As historias relatadas na casa de aparicións, de portas abertas, pedras nas ventás e nos tellados cando se ventaba un suceso. A Rolda no muíño, os cemiterios... Iso si que vive en nós para sempre.