Creo que a esfolla é o único traballo agrario, dos duros, dos que marcan as estacións, que se pode facer sen prestarlle atención. Iso tamén vai na forma de ser de cada quen, e ás veces as distraccións son só una maneira de enganar ao esforzo igual que se engana a fame cunha pastilla de chocolate negro. Pero arredor das medas, antes e despois, e tendo en conta que os días xa foron moi a moito a menos, van pasando cousas que axudan a que a xornada pase fugazmente. Tanto, que seguramente é o labor que máis lembraremos o resto das nosas vidas. Sobre todo se, como é o caso, aínda o seguimos facendo.

A esfolla: nun día coma onte, co ceo vermello antes das sete, as estrelas xa saíndo, catro paxaros aparentemente negros que se revolven no ceo, a friaxe que non sentías dende febreiro, a satisfacción do remate. As mazás na horta, as últimas, as definitivas. Antes, repinaldos e tabardillas aínda sen gardar, e agora, mazás que eu chamo modernas por chamarlle algo, sabedoras e brandas. Modernas tamén por dicir algo: a mazanceira debe ter xa os seus vinte anos. Ou 30. Pero xa lle quedou o nome. É como o da Cucha, que así lle chamamos durante dous decenios. Morreu de vella, a Cucha. Ás veces, queremos que as cousas que nos rodean permanezan sempre iguais, para enganarnos a nós mesmos, como o da fame.

A esfolla é todo tacto. O das espigas. O das súas follas, duras antes, agora de manteiga, xa non son follas nin son nada. Os grans que escapan pola perna abaixo, fuxindo do esfollador. A pingueira de auga que cae simetricamente sobre a gorxa ao mover o pé da meda, a palla do cenceno que atopa exactamente os labios para meterse dentro da boca, o terrón que se ergue ao mover o tallo espetado. A asa do cesto de vimio, os mollos secos, o bico a desatar, o fouciño que aínda prende nalgún coto.

Pódese facer todo iso, esfollar sen parar, sen prestar moita atención. Pero si ao da volta: o ceo, os paxaros, os recordos, que antes eran futuro e agora presente e tamén pasado. Canto máis se moven as mans nas espigas, máis voltas dá a cabeza.