Palabra con forza, pero ritmo irregular

José maría de la viña

CARBALLO

Mofa e Befa, en pleno espectáculo.
Mofa e Befa, en pleno espectáculo. JOSE MANUEL CASAL

Houbo retallos brillantes ás veces e adormecedoramente longos por outras

12 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Ola amigas e amigos!

Que pronto pasa un ano, ¿verdade? Xa estamos en pleno FIOT. Amantes do teatro, parabéns a todos e todas. A festa vai comezar.

A pesares dos nubeiros que penduran sobre todos nós, e sendo, como é a cultura especialmente sensible á desfeita económica que nos atenaza, a pesares de todo, digo, o FIOT comeza; e faino case con chulería: o patio de butacas estaba, outra vez máis, ateigado de público. Este ano a liña condutora de tódalas representacións vén sendo o teatro clásico, aínda que probablemente non deixen de ser interpretacións abertas ou moi abertas, dos textos orixinais.

Comezamos pois, neste venres de outubro, cunha obra do insigne Quico Cadaval, que compón unha peza de retallos feita de momentos das obras clásicas, especialmente do Século de Ouro da literatura española, a través de Mofa e Befa, actores galegos en simbiose con Cadaval, desde hai uns anos.

Cunha posta en escena sinxela, pero máis que aceptable, especialmente pola iluminación e o carácter simbólico, construtivo e orixinal das almofadas espalladas polo escenario, conséguese unha montaxe visual moi agradable. Sobre o escenario, ámbolos dous actores que nos contan como vían os casteláns ós galegos que ían segar o trigo a Castela, e como agora ven eles ós casteláns desde outro sistema de referencia.

Trátase dunha crítica ácida ós casteláns que tiñan ós galegos e galegas como cousas útiles, pero estrañas. Agora son os personaxes galegos, interpretados por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, quen cunha afiada lingua, castigan con ironía e moita máis sorna, ese comportamento dos casteláns. Podiamos dicir que é un largo comentario do que tan atinadamente cantara Rosalía de Castro: «Castellanos de Castilla, tratade ben ós galegos...». Pero son agora estes dous individuos os quen conxuran contra aqueles dos que falaba a nosa admirada Rosalía. Así mediante trucos moi axeitados, como aquela gola «máxica» que converte a un galego nun perfecto personaxe que fala en verso, un castelán perfecto, apañando de aquí e de acolá, estrofas dos grandes mestres dos clásicos: Calderón, Quevedo... etcétera.

A forza dramática está na palabra, pois apenas hai movemento de escena, agás o xestos, iso sí, moi afortunados eles, cos que adornan os diferentes estilos literarios (romances, redondillas...), da literatura castelá.

O contraste entre os comentarios galegos en prosa (retranqueiros eles) e o verso cargado e rimbombante en castelán, ten realmente un efecto cómico e satírico moi logrado.

Pero ata aquí as boas, pois a medida que o tempo transcorre, noto que a longura dos textos casteláns, dilúen a vis cómica que os quere envolver, e (ó final) resultan pesados. Nótolle un ritmo irregular e pesado nos diálogos; sensación que vai medrando pouco a pouco. O comezo é prometedor, pero logo os versos charramangueiros rebaixan o interese inicialmente espertado no público. Ben seguro que algo máis de velocidade e a diminución da longura dos textos casteláns, faríanlle un enorme favor á peza.

O dito: retallos; brillantemente expresados ás veces, e adormecedoramente longos por outras. Sobre unha idea fantástica na súa concepción, resulta pouco áxil na súa execución. Só as pequenas partes musicais, chamaron a miña atención pola frescura do seu estilo.

O curioso do caso, ¿sabedes?, é que dúas horas antes estivemos reunidos con Quico Cadaval, como director da obra, no Café Con... , e durante unha hora, que moi ben puideran ser dúas, disfrutamos de seu, con este egrexio home que é o Sr. Cadaval, home culto e ameno onde os haxa.

¿Y de todo esto, vos que decís, amigo Sánchez?

¡Ai mire vostede, meu Señor Don Alonso, eu non lle sei, pero o máis seguro é que, ¡quen sabe!...

Esta é a miña opinión, ben sabedes; podedes discrepar dela canto queirades. En calquera caso, ¡benvidos, un ano máis, á oferta do FIOT!

Ata outra.

fiot 2014

«Sobre unha idea fantástica na súa concepción, resulta pouco áxil na súa execución»

«Cunha posta en escena sinxela, conséguese unha montaxe visual moi agradable»