No vello camiño de San Cremenzo cara A Cotela, nos dominios de Daneiro, en Pazos, parroquia de Zas, hai unha ponte de laxas: Vao do Sal. Pedras longas, como as que se poñían nas pontellas, pero máis grandes, e máis altas. Teñen un aire ás lápidas vellas das igrexas. Moitas veces pensei que pertenceran a algún dolmen. Quen sabe. O desleixo non é de hoxe (antes era por necesidade). Non lonxe está o antigo lugar da Pedra que Tangue (dígase tanque, polo cambio fonético que facemos co -gu: ninquén, lincua...). A toponimia, xa di Cabeza Quiles, amosa o pasado, e aqueles que petaban na cobertoira e sentían como resoaba deixáronlle este nome que só lembran os vellos, ou libros históricos.
A Cotela xa non existe, máis que o sitio que tivo. Nin a Pedra que Tangue. E probablemente non existirán máis. Ás veces fálanme dos anos pasado, de cando aquel era un lugar con certa vida, atravesado por ese camiño que ía cara Baio, ou cara A Calabanda, no Allo. Se cadra, a sacar o aire, todos lembramos quen e como o facía. Se cadra, á feira, o a onde fose.
Sempre había que cruzar esa ponte, irregular, magnética. A Milleira queda atrás, e o que hai diante é un enorme bosque encantado(r) no que Fendetestas sería feliz se buscase máis a estética ca o peto dos andantes, que nada tiñan. Mesmo o río o é: metros atrás xúntanse o Freixo e o Sisto e aí empeza a correr o que logo será o Grande que morre na Ponte do Porto. É, en pequeniño, como ir a Fontemiña ou a Fontibre. Inevitable pensar nos devanceiros: cargados co millo ou co trigo para moer. Con fabas para vender. Castañas nas mans, recén collidas. Con dúas laranxas de volta da feira, se fora ben. Coa vaca á corda, ás veces. Co medo no lombo, nunca aos lobos, si ao futuro que nunca chegaría. Ou pensar nos curas que a cruzaron para extremauncións (non moitos: só seis en 260 anos). Ou nas Roldas que pasaban.
Temos grandes anacos de historia na beira da casa. Só hai que andar un pouco. Un Pedibús un día solto. E mirar para as pedras longas para ver e sentir como fomos.