«Co Pedibús, toda a sociedade se implica»

La Voz

CARBALLO

04 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Carme Loureiro López (59 anos) é de Ortigueira, pero leva na Illa de Arousa dende hai uns 30 anos, onde é profesora de Lingua e Cidadanía. Ten unha longa experiencia como psicóloga, e traballou tanto con mozos como con outros docentes. Na súa intervención (aínda que non era un tema propio da charla) eloxiou iniciativas que fomentan a autonomía, como Pedibús, implantado en Carballo por segundo curso consecutivo (no Fogar xa empezaron e no Bergantiños comezarán o luns).

-¿Que lle parece a iniciativa do camiño escolar?

-Moi ben. Xa a coñecía, polos traballos dun pedagogo italiano, que abordou a humanización das cidades grazas precisamente a iniciativas como esta. Os nenos volven ás rúas, e hai unha interrelacións cos adultos. En Roma, por exemplo, está funcionando por barrios, e aí está demostrada esa complicidade duns con outros. Xa non é a policía a que vixía cando van, senón que é a sociedade, toda a sociedade se implica: os veciños, os tendeiros alí por onde pasan. Os pais saben que non lles pasará nada e eles son autónomos.

-¿E por que non se fai en máis sitios, se é tan bo?

-Por descoñecemento, en moitos casos, pero tamén polo temor dos pais a que aos fillos lles pase algo. Por non confiar na sociedade. ¡Como os van deixar ir sós!, din. Pero por sorte é algo que funciona.

-Ao final, é volver aos tempos de antes, nos que ir a pé á escola era o normal.

-Si. Hai cousas que é necesario recuperar. Antes non se facían as cousas tan mal, e non o digo só por este exemplo, senón por moitos. O sentido común, tantas veces e tan ben aplicado. Os pais non ían ás escolas de pais, pero non se equivocaban en moitos aspectos.