25 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai aspectos sobre os xabarís que seguramente ata agora non foron suficientemente analizados. Podo asegurar con rotundidade empírica e científica que prefiren o millo ecolóxico antes que o industrial. O de silo. O que ten un carteliño con nome alemán de radio-cedé de Opel Calibra, e outros que non se entenden nada: eses non os queren.

Veño de comprobar como, en dúas leiras moi similares separadas só por unha pista, apenas seis metros sen valados nin espantallos nin marcas nin nada que poida despistar, os animais decántanse sucesivamente polo millo da casa. Definamos ecolóxico: aquel que se sementa a man (si, nin sequera con sementadora, polo tema da separación de grans), nun terreo coidado ao estremo con esterco de cortes de vaca, galiñeiro e porcos; ben sachado, con mínima invasión de sulfato, só se as herbas de mar aparecen cando non se esperan. Por iso os pés son grandes, os tallos gordos e verdes, os bigotes negros, o cenceno forte, as follas como coitelos, e as espigas chegan a pares en moitas plantas. Adentrarse polo medio desta leira é como facelo nun bosque da Terra Media.

A leira está nunha finca de Zas, e onte parecía un campo de batalla. Os xabarís deberon celebrar estas noites un albaroque, se non, non se explica tanta intensidade. Haberá que poñerlles radio, ou cachelas polas noites, como aos teixos. Ou vixialos con estoupidos e berros, como antes. Pero dáme a min que se saben distinguir o industrial do ecolóxico, non farán caso. Non queda outra que negociar.