Lembro, cando se empezaron a mirar os investimentos do Plan Galicia a raíz do Prestige, as reunións de empresarios nas que se informaba sobre os futuros polígonos industriais, case un por municipio. Asembleas cheas de xente, se cadra incluso de quen tiña un pequeno comercio pero cría, con ilusión e optimismo (se non se intenta non se consegue), que igual el mesmo podería construír a súa nave. As solicitudes da SEA e de Xestur enchéronse, e vendo aquilo, ¿como non tirar para diante? A tanta demanda había que darlle oferta. Porque fora así, ¿non?
O resto xa é máis coñecido. Veu a crise, terrible, e moitos botáronse atrás ou non lle viron posibilidades. Outros se cadra xa nunca llas viran. E, por riba, o chan era caro, comparado con outros lugares e co que merecía unha comarca que leva decenios necesitando un empurrón.
O caso é que todo se xuntou e agora temos polígonos, e non empresas. Din en Xestur e na SEA que baixarán máis o metro, pero xa veremos. Isto precisa dun vento máis forte que non dá chegado nin parece. Se cadra nos meses que quedan de cara ás eleccións haxa anuncios, pero aos que somos vellos xa nos pillaron dúas citas dende aquela e xa escoitamos moitos. De momento, a ser se lle volven poñer o cable que roubaron ata dúas veces en Vimianzo ou Bértoa. Para ir xerando confianza.
Postos a buscarlle unha vantaxe, neses parques industriais medran agora moitos toxos e moitas xestas. Os máis novos están sabendo polo menos en que mes florean. Xa é algo.