Ondiñas


Ata hai uns cantos anos xa moi longos, nalgúns días de verán de moito calor, ou naqueles de agosto nos que se mistura a chuvia co calmuzo, a vella radio de FM daba cando menos o esperabas unha agradable sorpresa. De súpeto, en varias frecuencias, comezabas a escoitar emisoras italianas ou francesas. Duraba un anaco, e despois desaparecía e volvían as do lado, as coñecidas. Nese intre, que me parece aínda hoxe inexplicable, entrabas como nunha curvatura espazo-temporal. E sentías, en pequeno, a emoción de Jodie Foster en Contact cando escoitaba os sinais cadenciosos dos seu campo de radiotelescopios. Claro que aquelas ondas estranxeiras tiñan que ter algunha explicación máis terreal: en vez dunha radio pirenaica, a cuestión debía estar nalgunhas antenas do Pico de Meda. De feito, ese estraño fenómeno -que menos mal que puiden compartir con algún veciño para así ter testemuñas e evitar xestos compasivos- comezou ao pouco de que fosen colocando as parabólicas aló polo 97. Así que, ou era un fallo técnico, ou un controlador cachondo que, en visitas anuais, gustaba de abrir a billa das radios internacionais para ver se alguén daba con elas, e sumilo na incertidume misturada con ilusión.

Pasou, xa dixen, uns anos. Sempre nun día quente de verán, coa radio do coche, a deshora. E desapareceu. Aínda agora, ás veces, doulle ao scan a ver se pilla algo como se buscase unha estrela fugaz, pero paréceme que tanta dixitalización matou aquelas ondiñas de fóra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Ondiñas