«Prefiro a praia téxtil, non se me vaian ver as vergonzas»

O humorista coruñés volveu onte á comarca cun espectáculo que se enmarcou dentro do Verán Cultural de Carballo


carballo / la voz

O humorista Pedro Brandariz recalou onte xunto a Fran Rei no xardín municipal de Carballo, facendo rir aos nenos co espectáculo Dous pallasos en máis apuros. Pronto volverá á comarca, xa que o 9 de agosto estará en Corcubión representando Contos e outras andrómenas.

-¿Verbena ou foliada?

-Son moi verbeneiro. Onde haxa unha cumbia ou unha rumba... Vánseme os pés soíños.

-¿En que concello naufragou o barco Serpent?

-Fisterra.

-¿Mar ou río?

-Son mareiro. Por aquilo de que as ondas che vaian vindo aos pés.

-¿Quen foi Bernal Eans de Moscoso?

-Non sei que tal lle iría no Asalto ao Castelo...

-¿Facer sendeirismo ou deitarse ao sol?

-Aínda que son entrado en carnes a min gústame moito iso de pasear e ver as paisaxes e respirar aire puro.

-¿Quen escribiu Queixumes dos pinos?

-Pondal.

-Completa a frase: «As nenas de Camariñas...»

-Van paseando.

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Neso son moi conservador. Prefiro a praia téxtil, non vaian a verme as vergonzas.

-¿Onde naceu Alfredo Brañas?

-Fisterra ou o cabo Vilán.

-¿Churrascada ou sardiñada?

-Sen dúbida algunha churrasco. Gústame moito tanto facelo como comelo.

-¿Canto tempo hai que non pon unha tixola ao lume?

-Debe de haber máis dun ano. Churrasco si que fago, na grella, pero a tixola hai moito que non a poño.

-¿Quen pronunciou a frase «As pedras non se comen»?

-Esa foi Mucha a de Ardebullo.

-¿Lagostino ou cigala?

-Lagostino. Ese lagostino que se come o fin de ano, conxelado... Iso é unha delicatesen.

-En que país estivo emigrado Fernando Blanco?

-En Suíza.

-¿Inverno ou verán?

-Son máis de inverno. Aínda que tal e como foron estes últimos, xa me abondou.

-¿Quen inventou o futbolín?

-Alexandre de Fisterra... inventa o futbolín, inventa a caña brava...

-¿Onde naceu Alfredo Brañas?

-En Carballo.

-¿Que libro está lendo agora?

-Non son moito de ler, pero agora estou cun libro de improvisación teatral. Chámase Del salto al vuelo, de Omar Argentino.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Fisterra. Síntoo moito polos de Muxía. Pero bueno, faise unha reviravolta e pasamos por alí.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Prefiro a praia téxtil, non se me vaian ver as vergonzas»