«A posición horizontal é a propia para pasar o verán»

Manuel Rey
Manuel Rey CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O físico de Baio dará o sábado en Corme o pregón da Festa do Percebe, un marisco polo que sente predilección

10 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre investigacións, libros, conversas con premios Nobel e outras moitas cousas, o físico Jorge Mira (Baio, 1968) tamén disfruta do verán. Ben sexa na praia ou nas festas da comarca. Xa estivo o pasado sábado polo Asalto ao Castelo de Vimianzo e pasado mañá dará o pregón da Festa do Percebe de Corme.

-¿Verbena ou foliada?

-Verbena.

-¿En que concello naufragou o barco Serpent?

-En Camariñas.

-¿Mar ou río?

-Mar cerca da desembocadura dun río.

-¿Quen foi Bernal Eans de Moscoso?

-Un dos nobres que ocupaban a zona territorial da comarca de Soneira.

-¿Facer sendeirismo ou deitarse ao sol?

-Claramente, deitarme ao sol. A posición horizontal é a propia do verán, o punto óptimo.

-¿Quen escribiu Queixumes dos pinos?

-Eduardo Pondal.

-Completa a frase: «As nenas de Camariñas...»

-Algo así de que ?van lavando...?. Tíñaa almacenada no disco duro.

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Nudista. A min a roupa enriba do corpo estórbame.

-¿Cal é o punto máis occidental da comarca?

-Cabo Touriñán.

-¿Churrascada ou sardiñada?

-Nesta época, unha sardiñada.

-¿Quen pronunciou a frase «As pedras son pedras»?

-Alejandro Rodríguez, o exalcalde de Vimianzo, por aquel follón que houbera cos Penedos.

-¿Canto tempo hai que non pon unha tixola ao lume?

-Buf... Un ano, pode ser. Unha escala de tempo en meses.

-En que país estivo emigrado Fernando Blanco?

-A Cuba.

-¿Lagostino ou cigala?

-Non son moito deses bichos. Se podo inventar, entre lagostino e cigala, quédome co percebe.

-¿Inverno ou verán?

-Clarísimamente o verán, con todas as súas consecuencias.

-¿Quen inventou o futbolín?

-Foi Alexandre de Fisterra.

-¿Onde naceu Alfredo Brañas?

-En Ponteceso... Ai non, ¡estaba pensando en Pondal! ¡En Carballo! Non o podo esquecer, que son exalumno do instituto Alfredo Brañas.

-¿Que libro está lendo?

-Un libro de Rafael Santandreu, Las gafas de la felicidad.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Eu daría unha volta por Baio, pasaría por cabo Vilán, despois por Muxía, Touriñán, e remataría en Fisterra. Bueno, e tamén pasaría por Dombate.