18 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Carballo é o primeiro concello de Galicia que cambia dunha tacada todas as súas luminarias. As farolas: 7.500. Facía tempo que non vía algo tan asombroso dende que noutro municipio da zona de igual superficie colocaban algunhas mirando cara o interior dos galiñeiros, herdanza filosófica indiscutible daquelas lámpadas de 100 que lle poñiamos aos pitos recén mercados. Non creo que o efecto fose o mesmo, pero habería que escoitar aos galos cantando a deshora. E tamén lle chegaba ben o que fixera aquel outro concello, veciño do primeiro, haberá 15 anos ou máis, en plena travesía: as súas relucentes farolas debían de consumir toda a enerxía hidroeléctrica xerada no salto de Corcoesto, polo menos. Daquela, cando eramos ricos, ?aforro? e ?enerxético? eran termos incompatibles.

As luminarias de Carballo son de tipo led, emisión de diodos. Gastan pouco e alumean moito, aínda que a algúns veciños non lles gusta este branco roto da noite e prefiren aquel amarelo de lúa ao que os ollos se foron afacendo. Todo é cuestión de acostumarse. As farolas vellas son máis da casa, máis das nosas vidas. O led é demasiado moderno, excesivas células tintineando. Cando sexan máis baratos, se cadra desprazarán a súa luz acompañando o movemento dos camiñantes, como fan os faros dos coches novos nas curvas. E daquela xa ninguén protestará por quedar puntos escuros. Quen chegara a vello para velo!

De momento, a cabeza mira máis cara o pasado que cara o futuro. Na miña parroquia, unha de Zas, a luz pública chegou o 23 de xuño de 1986. Datas que non se esquecen. Indo para a cachela do Campo do Río, as bombillas, que levaban uns días colocadas, empezaron a tremar e fíxose a luz. A modernidades xa era irreversible, adeus a tantas camiñadas de madrugada e de noite a escuras, con toda a maxia (e medo) que tiña iso.

Ao día seguinte subín coa Derbi ata o Pico de Meda para ver o espectáculo, as ringleiras de puntiños na beira das pistas. Foi aquela outra sensación led: a de ledicia. Dos diodos aínda non sabía nada. E todo vai chegando.