Non digades que non se avisou

CARBALLO

Estamos a 12 de xuño, menos de dúas semanas para o San Xoán e para que poidamos ver na prensa, seguramente nestas mesmas páxinas, titulares como: «Os bañistas chegan antes que os socorristas», ou «As praias reciben o verán lonxe de presentar o seu mellor aspecto».

Non se trata dun labor de futuroloxía, nin de poñer o carro diante dos bois, senón dunha experiencia contrastada de moitos anos atrás, que sumada aos indicios actuais dá un resultado de sobra coñecido por estas terras.

A pesares dos compromisos de celeridade que se reiteran unha tempada tras outra, ao final sempre pasa o mesmo. A subvención tarda, o proceso burocrático demorase, a incorporación dos profesionais atrásase... e os servizos non están a pleno funcionamento cando se precisan, con situacións tan esperpénticas -xa teñen visto algunha vez- nas que os socorristas pasan os últimos 15 días de contrato refuxiados da choiva e do vento.

Certo é que ninguén ten a capacidade absoluta de determinar cando vai vir o bo tempo ou en que datas se dará a maior afluencia de visitantes, pero si hai previsións, experiencias pasadas e unha lóxica que indica que non vai ser no mes de decembro. De aí que todo o traballo que se poida facer en canto a anticipación e preparación parece pouco.

Como sempre, Carballo dá exemplo -ten implicación e cartos para facelo- e outros concellos tamén se adiantaron no posible para que, cando chegue o momento, non se diga que os retrasos foron por culpa de non facer as cousas no axuntamento. En cambio, a tónica xeral en moitas Administracións, nas locais e nas de fóra, segue sendo a de esperar ata o último minuto, para ver se así se aforran catro pesos e en vez de facer contratos de tres semanas chega con sexan de 15 días.

A situación obriga, non cabe dúbida, pero estas son cuestións as que hai que facer fronte todos os anos, máis se se aspira a pintar algo no mundo do turismo, e, a estas alturas, ninguén pode dicir que non estaba avisado do que ao final sempre pasa.