O exercizo máis natural

Javier Couto

CARBALLO

08 jun 2014 . Actualizado a las 15:02 h.

O sendeirismo é unha actividade física e deportiva sinxela, práctica e barata que nos permite desconectar da rutina diaria, eliminar o estrés corporal e mental e recuperar a vida ao aire libre disfrutando da natureza ao practicar turismo activo.

Visualmente é agradable ver camiñar a un gran grupo de persoas como nas Andainas ou no Camiño dos Faros. Persoas que chegan desde diversos puntos de Galicia e incluso de fóra. Foméntase o turismo e seguro que serán visitantes futuro ao longo do ano. De aí que lle teñamos que ofrecer a mellor acollida, brindarlle un agradable sorriso e presentarlle uns camiños e un territorio ordenado. E tamén agradecerlle a súa visita.

Entre todos estes visitantes detectamos grupos de mozos que para participar nas rutas de sendeirismo da fin de semana «se recollen a unha hora prudente» para o día seguinte poder camiñar en condicións e canda o grupo. Esta é unha actividade que nos volve a todos iguais. Todos somos sendeiristas: nenos, mozos, adultos e maiores. Entre todos compartimos conversas, inquedanzas e xantares con coñecidos ou tecendo novas amizades.

Moito que admirar

Camiñando podemos admirar as pegadas do noso pasado, como os castros, dolmens, petróglifos ou faros. Tamén temos a posibilidade de gozar das espléndidas vistas panorámicas dos montes Branco, de Ponteceso e Camariñas, ou dos montes Castelo e Gontón, en Cabana de Bergantiños. As diferentes cores do mar, a bonita e aventureira ribeira baixa do río Anllóns. A emoción de observar o voo das aves do esteiro. A contemplación da fina e diferente area de cada praia da Costa da Morte. Acudir os cantís. Interpretar e imaxinar (as esveltas figuras de persoas e animais dos penedos de Pasarela en Vimianzo), a Moa. Emocionarse coa contorna do Cabo Vilán, coa inmensidade do océano no cabo Fisterra mentres sentimos a brisa do mar acariciando o noso rostro. Respirar aire puro e fresco, unha ventá á paisaxe e á pintura das cores da primavera.

As asociacións, concellos e grupos alternativos que organizan esas rutas de sendeirismo e andainas bautízanas con diferentes lemas para convertelas aínda en máis máis atraentes: Coñece a Costa da Morte, Ponte a pé, Primavera en ruta, Discorrer ao pé da auga, Andando por Bergantiños, Coñece camiños, Os camiños de Santiago, etcétera.

Hai rutas e andainas para os distintos grupos de idade, e en distintos días (sábados, domingos, pola mañá, pola tarde) e tamén a distintos ritmos: uns van mais amodo interpretando o entorno e captando imaxes das paisaxes e curiosidades, outros van máis rápido, con máis présa, e outros paran a comer en grupo. Hai onde escoller.

Gustaríame ver a familias practicando sendeirismo cos seus fillos, nenas e nenos, mamás e papás xuntos, conversando, pasando unha mañá ou unha tarde en convivencia, pois espazos, rutas e camiños temos en variedade, e ben bonitos, a carón do río, do mar, polo monte, pola praia?

Coa práctica do sendeirismo axúdase a conservar e a recuperar vellos camiños, que xa están abandonados, e que son unha parte importante do noso patrimonio etnográfico.

Acondicionar os camiños era un labor comunitario que xa realizaban os nosos avós cando ían a «arredondar» os balados, os arrós da súas leiras e dos seus montes, que daba gusto ver o ben que quedaban. Agora tócanos a nós apadriñar un tramo de ruta, de río, de mar ou monte para poder camiñar dunha forma segura e agradable.

¿E ti, vas ir a próxima saída? ¡Vémonos!