Os últimos

CARBALLO

Celebramos e conmemoramos co tempo as primeiras veces de todo. Ou as únicas. E lembrámolas a sangue. Amores, sentidos e feitos. Traballos. Conducir o coche, a viaxe de estudos, cando subiu o equipo, cando baixou, cando gañou a liga, cando escoitaches papá ou mamá, cando marcharon. Cando soubeches o que é a morte. O primeiro voo. Todos gardamos para sempre un, moitos ou todos, estes primeiros. E outros. É o natural.

É unha mágoa que non pase tamén coas últimas veces. Coas derradeiras. Porque non avisan.

Unha vez, non hai tanto, no hospital de Cee, unha persoa maior, operada da cadeira, laiábase de que seguramente non podería volver apañar as berzas. Vaia cousa, pensamos os demais. Que máis dará iso agora.

Pero si que daba. Falaba das verzas como se o fixera de sachar as patacas, darlle de comer ás vacas, ou pasarlle a man polos fuciño, ou rañar o lombo do porco, o coller unha gallada de herba verde para subila á comedeira. Ou mirar os herbais nos que traballara sen descanso 80 anos.

Dáballe pena non ter sabido, cando fixo todo iso por última vez (xestos cotiás, intranscendentes, vulgares, ¡quen vai reparar neles!) Que eran os últimos da súa vida autónoma. Que non habería xa máis. Para agarralos forte na memoria e mesmo cunha presa de algo de arredor nas mans. Como o que fixera a súa irmá emigrante, nos 50, cando marchara para o Brasil: dedicáralle unha mañá a gardar unha vida. Aínda lle ha de quedar algo.