Seguramente todos tivemos algunha vez a impresión de estar dando cabezazos contra un muro. Os golpes doen máis aínda cando, racionalmente, sabe un que a idea que xestou é boa, xa non só para si mesmo, senón para un colectivo. En Carballo houbo onte e antonte un foro no que o futuro laboral nacido e xestado na comarca deu a coñecer o que é quen de cavilar e facer. Coa cabeza ou coas mans, que había onde elixir. Preparar un encontro deste tipo, con ducias e ducias de centros educativos e entidades implicadas, non tivo que ser fácil. Sábeno os tres institutos carballeses organizadores, ademais de Fonteboa, o Concello e Axober. Polo tanto, resulta duro de entender que hoxe que tantos choran por falta de beneficios e por escasas oportunidades non houbese un río de empresarios mirando a ver como a súa casa podía progresar. Xa non digamos contratando traballadores, que podería ser, senón unicamente vendo maquinaria, novos proxectos ou ideas.
Está claro que a crise merma ánimos e que non todos poden saír da súa compañía a calquera hora. Os tempos, hai que dicilo, non corren bos. Pensar nesta xustificación quizais axuda a matinar menos nas palabras de Xis Costa: «Un empresario non ha de terlle medo a un traballador formado». Esperemos que non llo teña. Din que hai poucas cousas peores que ter un xefe que vaia por detrás dun, pero nada bo tampouco é ter un sen curiosidade.