«As pequenas decisións son as que cambian o mundo»

Manuel Rey
Manuel Rey CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

J. VAZQUEZ

O club lucense presentou esta semana o caderno «Xaque nas aulas»

26 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O club de xadrez Xaquedrum aproveitou a celebración do Día da Terra para presentar o seu caderno Xaque nas Aulas, un proxecto no que tamén colabora Sogama. Foi o pasado mércores, coa participación do adestrador do Lugo, Quique Setién, un asiduo colaborador da entidade. Nesta publicación, da que se tiraron máis de cinco mil exemplares, intentan ofrecer aos rapaces da provincia de Lugo unha visión lúdica deste deporte. Pablo Castro é o presidente de Xaquedrum.

-¿Que se pode ver no caderno?

-Queremos que os rapaces se acheguen ao mundo do xadrez e desfruten con el. Tamén pretendemos que se converta nun hábito familiar. Que nais, pais e fillos xoguen entre eles e aprendan.

-Xa non é a primeira vez que colaboran con Sogama. ¿Que outras actividades fixeron?

-Xa levamos tempo traballando xuntos. Co programa de Xaque nas Aulas, Sogama axudounos a chegar a máis de 1.500 rapaces de toda a provincia. Tamén colaboramos no que chamamos Xadrez ecolóxico, onde os alumnos elaboran pezas con material reciclable: cartón, bolsas de plástico... Así, unimos obxectivos: a promoción do xadrez e a protección medioambiental.

-¿Pódese establecer algunha relación entre os valores do xadrez e o coidado do medio ambiente?

-Si. Nós querémoslle transmitir aos cativos a importancia de saber tomar decisións. No xadrez, o movemento dunha soa peza abre un abano enorme de posibilidades. Do mesmo xeito, se cada un de nós facemos un pequeno movemento en favor do medio ambiente, se recollemos un papel do chan, vaise notar. Esas pequenas decisións son as que poden cambiar o mundo.

-¿Cal é a historia do club Xaquedrum?

-Xurdiu da necesidade de crear algo máis que un club de xadrez. Queríamos era educar, que o máximo número de persoas aprendesen a través deste deporte. Que o avó e o neto compartan unha tarde xogando e reforcen os seus vínculos, convertelo nunha costume. Reunímonos un grupo de amigos e puxémonos en marcha. Agora temos unha gran rede de voluntarios que nos permite chegar a moita xente.

-¿Por que animaría a xogar á xente?

-É moi divertido e apréndese moito xogando. Está avalado por moitas institucións polo seu valor pedagóxico e, ademais, reforza os vínculos familiares. Aos cativos, porque axuda a tomar decisións e aos maiores, porque exercita a mente e mantén a axilidade do cerebro.

pablo castro presidente de xaquedrum