Os argumentos carballeses venceron no debate en Teo

CARBALLO

Os mozos do Parga Pondal acadaron o primeiro posto e recibiron 500 euros para material cultural en galego.
Os mozos do Parga Pondal acadaron o primeiro posto e recibiron 500 euros para material cultural en galego.

Os rapaces do instituto Parga Pondal pasan agora á final galega

15 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Alumnos do último curso de secundaria e de primeiro de bacharelato de institutos de Santiago, Ames, Teo e Carballo (IES Parga Pondal) participaron onte na fase da zona do Clube de Debate en Teo, un encontro promovido polos equipos de Normalización Lingüística de varios municipios galegos (entre eles a capital de Bergantiños). A de onte, no salón de plenos da casa consistorial, foi unha xornada moi intensa, que comezou antes das nove da mañá e rematou preto da noite. Mais xa hai gañador, e foron os rapaces do instituto carballés, que acadaron 336 puntos do xurado composto por xuristas, lingüistas e xornalistas. En segundo lugar quedou un dos tres grupos do instituto Plurilingüe de Ames, con 313. Os restantes seis equipos quedaron por debaixo dos 300.

Agora, os alumnos de Carballo, que recolleron como agasallo un vale de 500 euros para material cultural en galego, participarán na final galega, que será o 26 de abril en Ferrol. Cos de Ames, representarán á zona, competindo cos gañadores das comarcas de Ferrol, O Carballiño e Pontevedra.

¿Estudio e ocio é suficiente?

Disertar sobre se o que lles corresponde aos adolescentes é só estudar e divertirse ou tamén ampliar horizontes con outras actividades e inquedanzas foi o tema de debate que asumiron onte os alumnos, que tiveron que preparar argumentacións a favor e en contra. Defendéronas con diferentes niveis dialécticos, pero cun exquisito nivel de respecto e compañeirismo polos grupos contrarios, sen que houbese ningunha penalización por interrupcións sen permiso, aínda que si refutacións sen o tempo mínimo de espera.

O coñecemento do idioma, a súa fonética, a argumentación, e a súa intervención ante o público foron os criterios avaliados polo xurado. Así, nos argumentos a favor de que os mozos son moito máis que tan só estudantes e amigos do botellón houbo quen lembrou a Malala, a nena paquistaní queimada por ir ao colexio, e cuxa historia a converteu nunha activista en pro dos dereitos da infancia. Mentres, para os argumentos en contra tamén se botou man da explotación infantil de Michael Jackson. Non obstante, o botellón e botar unha man na casa foron os exemplos máis socorridos polos mozos.