As palabras non son só o vehículo do pensamento; son pensamento, confórmano, oriéntano, modifícano. En Íntegro levamos tempo utilizando este termo (discapacidade), pero gustaríanos deixar de utilizalo para referirnos á diversidade funcional. Debemos propoñernos entre todos un cambio cultural, dun novo xeito de mirar, pensar e valorar aquelas persoas ás cales a nosa sociedade denominou subnormais, diminuídos, inválidos, minusválidos, discapacitados, persoas con necesidades especiais, etcétera, e ás cales eu me referirei como «persoas con diversidade funcional». Permitídeme, pois, empezar dedicando unhas palabras ás palabras.
Seguramente, o intento máis significativo de encontrar uns termos positivos, ou cando menos neutros, para «transferir a culpa dos problemas» das persoas á sociedade é a clasificación internacional do funcionamento, da minusvalidez e da saúde que a OMS adoptou no ano 2001. Este marco conceptual propón usar o termo «discapacidade» como unha especie de comodín para referirse aos déficits no funcionamento (que substitúe deficiencia), ás limitacións na actividade (que substitúe minusvalidez) e ás restricións na participación (que substitúe minusvalía). Este concepto de minusvalidez pon de relevo os aspectos negativos da interacción da persoa cunha alteración de saúde e o seu medio social. É un enfoque loable en comparación cos anteriores, pero aínda arrastra dúas eivas froito de tantos séculos de opresión e segregación: usa termos con connotacións negativas (déficit, limitación, restrición minusvalidez) que se fundamentan na visión das persoas como seres bioloxicamente imperfectos aos cales fai falta reconducir cara a un teórico patrón de normalidade que nin existiu nin existirá nunca.
Fomenta a visión dunha sociedade fragmentada en dúas comunidades; unha minoritaria caracterizada por ter certos parámetros biofísicos negativos, e outra maioritaria libre destes elementos perturbadores. Cada comunidade se percibe a si mesma como «nós» e á outra comunidade como «eles, os outros». Non é estraño que, co pensamento orientado deste xeito, a comunidade maioritaria asuma que a minoría imperfecta é unha carga que xenerosamente debe soportar, á cal debe coidar con infinitas doses de caridade, asistencialismo e paternalismo. Esta é a fonte de onde beben unas políticas sociais que se mostraron profundamente ineficaces por combater a opresión, a segregación e a discriminación que nos levaron a sufrir unha histórica, sistemática e brutal exclusión social.
É por todo isto que se fai necesario encontrar novas palabras, libres de connotacións negativas e que non fragmenten a sociedade. De aquí xorde a proposta «persoas con diversidade funcional», que pon a énfase nunha característica positiva e inherente á condición humana: a diversidade.
O xeito de funcionar do corpo é un aspecto máis da diversidade humana, e como tal unha riqueza. Os aspectos negativos da interacción desta diversidade cun medio social hostil non fai falta explicitalos; todo o mundo participa desta característica positiva e inherente á condición humana que é a diversidade funcional, pero o contexto histórico fainos comprender implicitamente que só dicimos que unha persoa ten diversidade funcional cando a interacción co medio social comporta discriminación. Con este enfoque, é máis doado comprender que as persoas con diversidade funcional non temos necesidades especiais, nin aspiramos ao gozo duns dereitos especiais; temos as mesmas necesidades que todo o mundo e demandamos a garantía de igualdade de oportunidades para satisfacelas que supón o exercicio efectivo dos mesmos dereitos que goza toda a cidadanía. O que si que pode ser específico son as ferramentas económicas, sociais e tecnolóxicas de que a sociedade se debe dotar para posibilitar un acceso pleno e sen discriminación ao gozo dos dereitos fundamentais por parte de todo o mundo.
Non obstante, ninguén está obrigado a estar ideoloxicamente no modelo da diversidade. É unha elección persoal.