Contra o vento que pasou

CARBALLO

Advirto: non son antialarmista. E menos cun neno que estuda Primaria. Pero, ¿non nos estaremos pasando coa protección cando ventea? ¿Mesmo cando chove? Está claro que riscos, os mínimos, pero pero con xeito. Mellor seguir os que dita o sentido común que os que fan táboa rasa para todo. ¡Ata para as cheas hai que ter coidado!

Noutros anos, non lonxanos, as cheas eran unha atracción. En vez de fuxir delas, había que saltalas. Ou correlas coa bici, ao chegar da escola, pedaleando con forza abonda para alcanzar o outro lado, erguendo as pernas. Se caías, caías. Ou pisando as pedras na beira dos ríos, con moita conta de non esvarar. E se tocaba, pois tocaba.

O gusto de chegar á casa coa cara mollada dun orballo. De baixar polo carreiro mentres o aire te botaba para atrás coa forza que tiña, rindo cun amigo ao teu lado, medrando e sabendo distinguir os xogos dos perigos. Como cando colles unha vaca polos cornos, sabes se che turra ou non. Non sei se aquilo era inconsciencia ou liberdade, pero quero pensar que o segundo.

Lembraba onte iso, ao pasar, nunha parroquia de Zas, polo muro no que pandabamos cando xogabamos aos agochos. Todos os días, na parada, antes de coller o coche. A panda era na pedra máis grande. Alí pegamos as nosas cabezas, falamos, pensamos, contabamos segredos. Aínda está a pedra. Ese si que era un muro, non o de Facebook.