Contaba Cándido Fuentes, un dos primeiros xogadores da historia do Baio, que nunha ocasión, antes de saír a un dos daquela perigosos campos da Costa da Morte, un compañeiro seu oraba na caseta con gran devoción. «Home, non fai falta que reces, perder non lle gusta a ninguén, pero non é para tanto», comentoulle sorprendido pola actitude mística do colega. «¡Non, non, rezo para que non nos zoupen!», respondeulle o compañeiro, que xa recibira algunha malleira nalgún que outro terreo de xogo.
Xa choveu dende aquela. E xa non hai as batallas campais que se teñen dado noutros tempos, cando saír a un campo daqueles tiña un dobre risco. Por sorte, o xogo limpo foi gañando terreo, pero aínda así hai episodios que deberían poñer colorado a algúns dos usuarios dos estadios da comarca. Sen ir máis lonxe, o pasado domingo houbo unha boa liorta entre xogadores e espectadores do Muxía e do Baíñas. Unha acción moi pouco edificante con invasión do céspede incluída e un rapaz co labio fendido, polo que tivo que ser levado ao hospital, segundo din os baiñáns. O partido foi suspendido, una vergoña en toda a regra, unha situación da que non é doado gabarse co tempo diante de fillos e netos. O fútbol é un xogo, e máis nas categorías inferiores, onde debería ser norma a limpeza e a diversión sa. O pasado domingo, nas ligas da Costa houbo dez expulsados, una boa carreira de infractores das regras. Xente que se toma os partidos de liga coma se fosen da Champions.
Non entanto, coa paixón do xogo sempre pode haber rozamentos e pódense chegar a entender determinadas reaccións. O que xa non ten explicación é que haxa xente no medio do público que profira insultos racistas aos xogadores contrarios. Frases ferintes que chegan ao fondo da alma de calquera. Ninguén ten culpa por nacer nun ou noutro país, nin pode elixir o lugar onde vai vir ao mundo nin a cor do seu pelico. O fútbol debería servir para irmandar, non para amosar os instintos máis baixos.