Que raro (e pesado) se me facía antes escoitar dos maiores falar dos seus tempos. Sempre crin que a min non me tocaría. Por favor. A onde imos chegar. Cousas de vellos. Como cando nas festas da casa, arredor da mesa, alguén contaba a mesma anécdota, ano tras ano. Algo que pasara no 57 ou por aí. Moi divertido. E os máis novos con cara de que si, que xa o sabemos, veña, cóntao outra vez. Queríamos que acabase canto antes.

Agora, quereríamos que o volvese a contar, pero xa non é posible.

Pois iso: nunca falarei de que ?nos meus tempos...?. Nunca. Pero nunca, eh!

Si home, si.

¿Como evitalo, co conto do Pedibús? Conto no sentido coloquial, que equivale a tema, non a chiste. De feito, facer andar aos pequenos é das mellores medidas que lembro no eido municipal. Pequena e efectiva. Gran non fai graneiro, pero axuda ao compañeiro. ¡Que anden, raios! E canto máis, mellor. (E que anden os pais tamén, empezando polo que isto escribe, que xa non anda nada).

Antes si que se camiñaba. Que remedio. Quilómetros. ¡Pero quilómetros! Por pistas, por corredoiras, carreiros sen asfaltar. Fomos vendo, anos oitenta, como lles ía chegando o cemento e o alquitrán. Mirando como entraba o futuro por debaixo dos nosos pés mentres soñabamos co noso. Non había os coches da cidade, vale, pero nas noites de inverno (non había luces fóra, vale tamén) ás veces aparecía algún can de raza loba na escuridade con intencións que aínda hoxe non acabei de pillar.

Días de molladuras. De frío. Xeadas, romper os cristais das pozas a patadas. Tocar o xeo coa lingua. Mirar o ceo estrelado polas tardes, cargados co bolso (a mochila é un concepto moi moderno). Perder o autobús e chorar. Mocear, facer o bobo, non querer chegar a casa axiña, querer chegar canto antes.

O Pedibús este de Carballo fainos retroceder á EXB a moitos. Ou ao instituto: polos andares e polo latín. Pedibus: dativo, cos pés; ablativo, para os pés. Toda vantaxes.