Inverosímil

CARBALLO

02 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Non o podo crer. Eu que tantas tardes de lecer, sentei alí, no muro do adro que abrazaba o santuario da Barca, ós pés do maxestuoso templo que se erguía fachendoso, ollando cara o océano que se desfacía en mil ondas de brava escuma. O señor Caamaño tomando fotos coa súa cámara, o vento xogando co pelo, escoitando o rumor do mar, pasaba o tempo. Moitas veces fomos alí a ollar os restos dos barcos espallados polas rochas que o mar botaba para fóra e quedaban alí, ós pes do fariño como testemuña da bravura desta costa, e hoxe, asisto abraiada ó naufraxio da Barca en terra! A un incendio que de non ser polas cámaras, semella inverosímil, imposible de imaxinar. Un templo tan grande e sólido, garda de importantes tesouros, moitas esperanzas e desexos cumpridos, ferido de morte, impotente, envolto nas lapas e o fume ante a ollada temerosa e incrédula dunha vila que entre bágoas afogadas e fortes sentimentos ven desaparecer nas cinzas parte da súa historia, intres importantes das súas vidas, lembranzas que alí se custodiaban e xa nunca voltarán.