Só se é innovadora e sustentable


Por fin o BNG de Carballo posicionouse en contra da mina. Ata o de agora quedara en permitir que unha xente violentara o pregón das festas de San Xoán do pasado ano, coa colaboración do pregoeiro, actuación pola que este grupo recibiu moitas queixas dos cidadáns, e en declaracións a boca pequena. E, ¿por que pensamos nós que non o facían?

Pois porque, posiblemente moita xente de Carballo non aceptaría de bo grao certas posturas: empresarios que tiñan contratos coa mina, e que poderían xerar postos de traballo en Carballo. Persoas que enviaron o seu currículo, coa esperanza de que os chamaran a traballar. Propietarios de pisos para alugar, pequenos comerciantes de Carballo, hostaleiros. Eses, ao peor, son os máis prexudicados. Xente que axudaría a sortear esta crise cos 800 millóns de euros que tería xerado a mina, se puidera ir adiante, segundo un estudo levado a cabo por prestixiosos profesores universitarios galegos, que, por suposto, non son aceptados polos colectivos antimina nin polos partidos que os apoian. E presentan a moción agora que a Xunta denegou a autorización ao proxecto por incumprir as garantías financeiras e técnicas que pide a lei. A postura do PP é clara: é favorable á industrialización da comarca, pero esixindo as máximas garantías.

Nós non somos os de o non a todo: a autoestrada do Atlántico (a navallada), a planta de tratamento de residuos de As Somozas, que ía ser mais velenosa que Chernobil (non ía haber vacas nin árbores nin nada a varios quilómetros). Nin a fábrica de tubos de Cee, que desgraciadamente, parece que xa fuxiu a outro país. Nin os aproveitamentos do río Xallas, que tampouco lles gustan. Non lles vale nada. Por certo, quería recordarlles que as primeiras autorizacións de Corcoesto adxudicáronse co bipartito de socialistas e nacionalistas na Xunta.

Nós cumprimos a lei. O noso Goberno esixiulle a Mineira de Corcoesto que acreditara unha solvencia mínima do 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto, o que suporía máis de 27 millóns de euros sobre o total de 110 previstos, e un compromiso en firme do resto do financiamento, así como a documentación que acredite a capacidade técnica da empresa. Pasado o prazo, a empresa non foi quen de presentar documentación que acreditara esa solvencia, especialmente no referente ao financiamento, polo que o proxecto foi rexeitado.

O Goberno do PP mantén a súa aposta por unha minería comprometida co país, innovadora e sustentable, impulsando o aproveitamento responsable dos importantes recursos minerais de Galicia e o desenvolvemento sostible dun sector que emprega máis de 7.000 persoas, máis do 1,2% do PIB galego. Cada proxecto está a ser estudado pormenorizadamente, seguindo rigorosamente a normativa, e só se autorizarán os que favorezan o desenvolvemento económico e o benestar dos galegos, sempre que garantan a súa viabilidade ambiental, económica e técnica. A maior garantía vese no dato de que as dúas resolucións de explotacións emitidas este ano foron negativas: a de Corcoesto e a de Faramontaos, en Xinzo da Limia.

A maiores, a Xunta vén de anunciar a creación dun canon mineiro. Un imposto medioambiental que repercuta as instalacións mineiras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Só se é innovadora e sustentable