Os tempos están cambiando e Bob Dylan sempre nos gustou. Desde as primeiras eleccións municipais, aló polo ano 1979, os cambios ata o de agora sempre trouxeron grandes avances. Pero chegou a Troika e mandou parar. Desde Madrid empezaron a lexislar para camiñar cara atrás. As tres R cabalgan sobre unha nova realidade: Reformas, Recortes, Recentralización. Ata hai moi pouco tempo tiñan garantido o pago dos concellos o persoal e as sentenzas xudiciais. Coa reforma que se nos impuxo os únicos que poden cobrar de xeito prioritario son os bancos, por incrible que pareza.
Os concellos non somos responsables da situación actual, nos temos débeda, temos os pagos ao día, procuramos axustar o gasto ás necesidades. Por iso queremos que os recursos que xeramos (no caso de Carballo pechamos o ano pasado con máis de 5 millóns de remanente de tesourería) volvan aos nosos veciños e ás nosas empresas que están pedindo e necesitando carga de traballo. Ata hai dous anos podíase facer e pensen nos postos de traballo que se poderían crear. Queremos continuar con melloras urbanas e poñen paus na roda, queremos promover actividade que faga de Carballo un lugar vivo e dinámico e sacan un límite para que non gastemos o que xa ingresamos e siga aumentando ese remanente. Queremos que os nosos veciños teñan mellor calidade nos servizos porque non queremos ser pobres se só temos cartos.