Un proxecto de todos que non debemos deixar caer

Lois García Carballido

CARBALLO

Dixo Confucio que un home que comete un erro, e non o corrixe, está cometendo outro erro. No problema da Fundación Torre Pujales, Óscar Rey escolleu agora poñerse de perfil, como se a cousa non fóra con el. Pero os políticos de goberno están para xestionar e resolver problemas, non para lamentarse. O señor Rey leva xa moitos anos vivindo da política; na lexislatura pasada como asesor de José Luis Fondo, e nesta como tenente de alcalde con dedicación exclusiva. Supónselle tamén certa preparación para saber como se xestionan as subvencións. Como fan senón as asociacións de Ponteceso? Óscar Rey xa non está nun partido nacionalista, na oposición; está no Partido Popular, o mesmo que goberna no Concello, na Xunta, no Estado, e na Deputación. Con todo o tempo libre ao seu favor, con acceso directo ás institucións e, como patrón da Fundación Torre Pujales, foi arte e parte dende o principio. Por iso ten a obriga de traballar para resolver o problema, en vez de quedarse mirando e lamentarse na prensa. Que fixo ata agora para que a Fundación non fora embargada? A verdade é que non o sei, porque aos concelleiros do PSOE deixáronnos fóra, nin sequera fomos convidados á inauguración do Museo. Sen embargo, este é un proxecto de Corme, de Ponteceso, de Bergantiños, e non imos deixar que caia. En vez de lamentármonos, imos facer as cousas ben, e poñer ao Concello, á Xunta, a quen faga falla, a funcionar para resolvelo. As obras están feitas e os cartos investidos, logo non se pode tirar o que hai feito. O PSOE vai cursar iniciativas en todas as institucións para salvar o Museo, porque a lamentación, e poñerse de perfil cando as cousas saen mal non son actitudes propias de responsables políticos serios e competentes.