«As mortes máis difíciles de levar son as de nenos e mozos»

Manuel rey / p.?B.?m. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Roberto Bascuas considera que aquí en Galicia a morte está dalgún xeito máis asumida.
Roberto Bascuas considera que aquí en Galicia a morte está dalgún xeito máis asumida. José manuel casal< / span>

Explica que hai máis falecementos nas épocas de cambios de temperaturas

01 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A tanatopraxia é o conxunto de técnicas ou prácticas que se aplican sobre un cadáver para, entre outras cousas, a súa conservación. A tanatoestética, como o seu nome di, fai referencia ao tratamento estético do corpo xa falecido. Quen desempeña esta tarefa recibe o nome de tanatopractor. Roberto Bascuas, traballa nos tanatorios Grupo Bergantiños de Carballo, desempeña ese labor. Co gallo destas datas de defuntos, explicou onte en Radio Voz Bergantiños en que consiste.

-Parece ser que estas son datas de máis traballo nos tanatorios. ¿Ocorre así, realmente?

-Normalmente soe haber máis traballo nas época en que hai cambios de temperatura. Os nosos avós din que é na caída da folla, pero os anos de experiencia dinme que é máis ben polo primeiro. Cando se pasa da calor ao frío en pouco tempo nótase unha elevada cifra de mortes de xente que polo seu estado delicado xa ten máis posibilidades de falecer ca outra, pero tamén teñen aumentado nos veráns, coas chamadas olas de calor.

-¿En que consiste o traballo que fai vostede, a tanatopraxia?

-A tanatopraxia consiste na preparación e conservación do cadáver. Despois de que falece unha persoa, necesitamos facerlle unha conservación transitoria para retrasar a actividade das células de descomposición, o cal permite velar o cadáver e que este poida botar as 24 horas antes do seu enterro ou incineración, como nos di Sanidade Mortuoria. Despois temos tamén a tanatoestética, consistente na maquillaxe, o peitado ou a vestimenta do cadáver.

-O tratamento da morte ou a forma de afrontala quizais experimentou cambios nos últimos anos. ¿Teñen recibido algunha petición máis particular ca outra? ¿Hai xente que que opta por acompañar os corpos con algún obxecto especial?

-Nesta vida cada un ten os seus pensamentos e nós respectamos esas ideas. O sentimento é máis ben para quen queda aquí, non para quen vai falecido. Ti, persoalmente, quedas a gusto con que lle mandes ao teu ser querido aquilo ao que se dedicou: se un foi ferreiro, ponlle a maceta; se lle gustaba fumar, o seu cartón de tabaco. Son cousas que pode poñer a xente para ter unha tranquilidade emocional, como pode ser vestilos. Non é nada estraño, senón un accesorio máis.

-Cada morte ten a súa dor, pero as situacións son distintas. ¿Hai algunhas máis difíciles de levar?

-Para min, os falecementos máis difíciles de levar son os de xente nova, tanto bebés coma nenos. Para quen é pai, cando estás manipulando ese cadáver, sentes un pouco de angustia. Despois, tamén a xuventude, sobre todo por accidentes. É un tema delicado. Aquí na Galicia temos máis asumida a morte, imos a un velorio con máis tranquilidade, pero aínda así, neste tipo de falecementos chámame a atención que a xente soe falar menos nos tanatorios, ten máis intimidade coa familia, unha maior sensibilidade. Coa xente maior asúmese mellor que a morte é lei de vida: a xente reúnese alí, vai pola familia, porque lle tocou na casa e lle viñeron. En xeral, pórtase ben, ten moito respecto nesas mortes de bebés, nenos ou mozos. Nós non nos podemos meter na pel de cada familia, porque se non non viviriamos, pero tratamos de facer o noso traballo o mellor posible. Temos que tratar de levalo o mellor que podemos.

roberto bascuas tanatopractor