Río adentro

CARBALLO

29 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Na película Mar Adentro, unha das secuencias máis impactantes solía pasar desapercidida dentro da obra mestra en conxunto do traballo de Amenábar sobre os últimos días da vida de Ramón Sampedro. Posiblemente o momento máis dramático, se cadra superior ao de cando bebe o preparado que o levará a durmir para sempre. E, dende logo, ben parecido en intensidade a aquel voo sobre as praias do Barbanza, mentres sona de fondo o Nessum Dorma (Que ninguén durma), en busca do personaxe de Belén Rueda: «Me dijeron que estabas aquí, y vine volando».

Ese momento é cando Ramón se despide do irmá, da cuñada e do sobriño, e marcha cara o piso no que Ramona Maneiro coidará del ata desaparecer definitivamente. No traxecto, como antes cando fora ante os xuíces, vai vendo lugares, caras, paisaxes, que xa nunca volverá a ver.

Nos misterios da alma é arriscado adentrarse, pero seguramente Ramón Smits viviu unha sensación similar nos últimos intres, cando percorría en bus o traxecto entre Santiago e Ponte Ulla, xa nos lindes coa provincia de Pontevedra. Como o outro Ramón, deixou todo ben atado, sen cabos soltos, e en vez dunha cámara contando o que pensaba, o último obxectivo ao que mirou en vida foron os ollos dun garda civil.

De fondo, río adentro no frío Ulla, só soaba a música da chuvia.