Os nenos ganan autonomía

Rosa Pérez Balboa

CARBALLO

Creo que a iniciativa do pedibús non é nada mala. E falo como nai de tres rapaces en idade escolar, que participarían neste proxecto, e tamén como membro da directiva da ANPA A Granxa: fixemos xa moitas reunións e o sentir xeral é de apoio, positivo, pensando en que os nenos ganan en autonomía.

Todos lembramos que, de pequenos, iamos en grupo á escola, a pé, e non pasaba nada. Ao contrario, para o que tamén vale este xeito de facer as cousas é para que os rapaces poidan falar cos das súa idade e con outros maiores e menores que, doutro xeito, non farían. Fomentará a comunicación e as relacións entre eles, e ademais, farano dun xeito seguro. Ou iso é que nos aseguran: un control total do percorrido que redundará en garantías para eles e tranquilidade para os pais. Incluso evitando que, nas zonas de acceso, poidan haber máis coches, para que camiñen máis tranquilos.

Hai quen pensa que, se os rapaces van andando, nos días de chuvia vanse mollar. Pensamos que non ten por que ser así. Como xa nos explicaron, se noutros sitios funciona, Carballo non debería ser unha excepción. En Pontevedra, onde xa teñen experiencia co pedibús, tamén chove, e non pasa nada por iso...

Agora queda esperar a ver como se organiza. De momento, no colexio Bergantiños aínda teremos que esperar algo máis ca no Fogar, pero é de esperar que en breve tamén se implante a iniciativa. E , sobre todo, que redunde no ben dos rapaces.