O Monte Pindo queimástelo ti

CARBALLO

OMonte Pindo queimástelo ti labrego que elixistes plantar catro eucaliptos porque medraban lixeiros e vendíasen antes en vez de apostar por unha variedade máis propia desta terra, adaptada ao terreo e que frease o lume en vez de reavivalo. Ti carpinteiro que no canto de mirar a maneira de facer algo coa madeira de aquí prefires comprar a que vén de fóra, porque xa está preparada e non hai que romperse a cabeza. Ti mozo que te decantastes polos patacóns que che daban na obra en vez de mirar polo que teus avós lle deixaron a teus pais e procurar o sustento, quen sabe se a riqueza incluso, dándolle de paso vida ao pobo que che veu nacer. Ti señor deputado ou señor conselleiro que en máis de 30 anos de democracia non fostes quen de sacar adiante unha verdadeira política forestal para tirarlle rendemento a un verdadeiro tesouro como é o monte e deixástelo caer no abandono para que arda un verán si outro tamén.

O Monte Pindo queimámolo ti, eu e máis todos, unha sociedade que non é quen de ver o valor do que ten, que non respecta o seu, nin obriga aos demais a respectalo. Un pobo que está pendente do rendemento instantáneo, sen mirar que detrás ha de vir outro e que deste mundo non lle corresponde máis que a responsabilidade de coidar del para, cando menos, deixalo como o atopou.