O furor destrutor

Vicente de Lema

CARBALLO

Éaterrador ver arder os montes que tanto coidaban os nosos devanceiros. Coma se xa non se lle tivese lei á terra, ao sustento dos nosos antecesores durante toda a historia. Un país que queima o seu monte é un país sen futuro e sen esperanza. E como poñerlle lume á vida. Estes días arderon prados a eito, nun furor destrutor que tanto dano fai no presente e para o futuro. Os avións sucaban o ceo coma nunha guerra que sempre é perdida de antemán. Hectáreas e hectáreas de terreos arborados sumidos das chamas estes días en Laxe, onde o cheiro a fume espertou a máis dun veciño. Onte os lapas andaron preto do Pindo, o monte sagrado de Galicia. Os piñeirais de Brantuas, nas proximidades do berce de Pondal, quedaron chamuscados por moito tempo. Así queda o ánimo de quen sente que coa natureza destruída vaise un pouco da vida de todos.

Xa se debería ter feito dende hai tempo, pero é necesario previr os incendios de forma eficaz, cunha explotación racional dos montes. Os propietarios, a sociedade e os gobernos teñen que chegar a un consenso para que as superficies forestais sexan rendibles e volvan a recibir atención: ben repoboadas, con especies variadas e axeitadas, e enchelas de gando para que produzan carne de calidade e barata. Empregar os cartos en avións é coma tiralos ao lume. O monte ten que ter vida de seu.