«Ninguén me pode mirar de reollo»

Toni Silva A CORUÑA / LA VOZ

CARBALLO

Manuel Rodríguez, en Betanzos.
Manuel Rodríguez, en Betanzos. CÉSAR DELGADO

A parroquia coruñesa de San Luis Gonzaga é o seu próximo destino

06 ago 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Con tristura, Manuel Rodríguez Rodríguez (Xaviña-Camariñas, 1945) recoñece que será bo para Betanzos un relevo á fronte das parroquias nas que leva xa máis de once anos de traballo pastoral. Detrás de si deixa un intenso labor de formación de comunidade e de recuperación patrimonial, como tamén fixera durante as tres décadas anteriores en Carballo. O seu novo destino, a igrexa de San Luis Gonzaga da Coruña. Aínda que o seu nomeamento xa se produciu o 21 de maio, o crego non deixará Betanzos ata a chegada do seu substituto. Son días de rumiar tristura pola súa marcha. Así o sente a comunidade que el recuperou.

-¿Esperaba a noticia?

-Non, nin a provoquei. Mandeille unha carta ao señor arcebispo na que lle dicía que logo de once anos ás comunidades parroquiais de Betanzos seríalles bo que se producira unha alternativa.

-Entón si que a provocou.

-Provocar non. Eu non pensaba no meu propio beneficio, porque me sinto moi acollido en Betanzos, pero pensando na proxección de futuro que era bo que se producira un cambio agora que hai un bo clima.

-Ese «bo clima» era algo que non había cando vostede chegou a Betanzos.

-Había unhas pequenas... pero non quero mirar cara atrás, só cara adiante. Intentei dende a miña humildade, sinxeleza e pouca capacidade facer de ponte, de tranquilizar o ambiente. Entreguei a miña vida as 24 horas ao día ao servizo das comunidades parroquiais de Betanzos. Formei a un equipo de xente extraordinaria ao meu redor e tirando para adiante. O meu estilo é así. Acompañar na responsabilidade, non mandando, sempre do lado da xente, nos momentos fáciles e tamén nos malos. Con todas as miñas deficiencias. Quizais carguei as tintas na parte patrimonial, pero tentando sempre crear comunidade.

-Ademais de párroco tamén foi concelleiro de patrimonio.

-Teño moitas amizades en Patrimonio. O meu plantexamento naquel momento un pouco crispado era gastar as enerxías e liderar a recuperación das igrexas. Mira que casualidade: a primeira obra ao chegar foi o tellado da Angustia, que é a mesma que se acaba de arranxar.

-Alfa e Omega.

-Pois si. Debedes ver como quedou por dentro. Dediquei moito tempo a xestionar ante a Xunta, había que estar moi pendente das oficinas... Cando un ven de fóra e contempla Betanzos di: «Isto é unha xoia que se ten que conservar». Betanzos é un museo ao aire libre.

-¿Que lle queda pendente ao novo cura patrimonialmente?

-Ao novo cura quédalle un proxecto xa feito, firmado por Patrimonio e con todas as autorizacións, e permiso de obra do Concello para arranxar o presbiterio do santuario dos Remedios. Aí che queda. E tamén un proxecto para arranxar San Martiño de Tiobre. Terá que xestionar o tema económico.

-¿Que foi o mellor de Betanzos?

-A acollida que me deron, o apoio que recibín sempre. Marcho coa cabeza alta, ninguén me pode mirar de reollo.

-¿E o peor?

-Ter que marchar. Pero teño 68 anos e Betanzos ten que liderar, ser cabeza de comarca. É bo que se produza un relevo.

-¿Como levará o de vivir nunha cidade?

-Non o sei, eu son de aldea a moita honra (naceu en Xaviña de Camariñas, de once marchou aos 14 anos). Contarei coa xente do barrio, da parroquia.

-¿Que lle di a xente na rúa?

-Que sinte pena, que por que marcho...

-«Que vostede valía por tres...».

-Ese comentario foi morrendo co paso dos anos grazas a Deus.

Manuel Rodríguez rodríguez Expárroco de Carballo e de betanzos

«Eu son de aldea a moita honra. Contarei coa xente do barrio, da parroquia»

«Formei a un equipo de xente extraordinaria ao meu redor. O meu estilo é así»